Eleccións universitarias

 

A política é un tema que, en Palestina, nace coa xente. Moitas veces as cores políticas veñen determinadas polas afiliacións dos devanceiros e é na etapa universitaria cando se confirman os ideais. De aí que as eleccións destes días sirvan para medir as opcións dos diferentes grupos políticos representados no terreo.

Dende os seus comezos, as universidades foron o escenario do activismo político palestino, de aí a importancia das eleccións máis alá do ambiente estudantil. Este martes 23 celebráronse as eleccións en An-Najah, a universidade máis grande de Cisxordania. Fatah, que naceu como movemento político nas universidades de fóra de Palestina, foi o gañador. Con todo, os 33 asentos conseguidos por Hamás, dez menos que Fatah, outórgalles unha vitoria moral despois de seis anos afastados das furnas.

Os grupos de esquerda e as outras faccións minoritarias apenas teñen representación. As vitorias sociais das frontes comunistas parecen citas dunha historia de Palestina que sobrevive por feitos como a folga de fame de Samer Isawi, e os outros partidos non pasan de méritos casuais normalmente no eido empresarial. Así, Fatah e Hamás son a dicotomía do discurso en Palestina: laicismo fronte a islamismo, silencio ou non; accións, reaccións ou diálogo; violencia ou non. Estas son algunhas das palabras que os enfrontan, mentres logran máis ou menos espectadores e seareiros para as súas filas.

A volta de Hamás ao poder parlamentario cobra cada vez máis forza, xa que cada vez son máis os sectores que apoian o movemento. O sentimento nacionalista e o veto cara ás decisións internas do propio pobo son talvez as causas que primen na volta de Hamás ao poder que, cando menos, si volta as discusións sobre Palestina en Cisxordania.

Nós, palestinos, aprendemos vida!

 

image

 

As crianzas palestinas aprenden na escola, na casa e, por veces, nos cárceres. O exército israelí pode deter un neno ata un máxico de 188 días antes de imputalo cun cargo e dous anos tras ser culpado. Na maioría dos casos, as causas da detención son o lanzamento de pedras, feito que pode levar a 20 anos de prisión.

Onte, o canal 2 israelí pasou un vídeo no que soldados israelís entran nunha casa na procura dun mozo. Mentres a nai trata de explicar aos soldados que é inxusto o que fan, o neno tenta calmala e facerlle entender aos soldados que ao día seguinte ten un exame ao que non pode faltar e que se volven outro día por el, con gusto os acompañará. Con todo, nin nai nin fillo foron quen de convencer aos soldados israelís que aseguraron que o rapaz, Ahmad, podería facer o seu exame se comprobaban que non había ningún problema e todo estaba ben.

Ahmad é outra cifra con quince anos; unha vítima da heroicidade como pasatempo, como chega a dicirlle un dos solados: “es un campión!”. Un campión porque é un neno e é palestino: aprende a vivir.

Ver vídeo: http://www.youtube.com/watch?v=ze17hohFT_0&feature=share

Veña, veña, Ramallah!

“Yalla, yalla Ramallah” (“veña, veña, Ramallah”) foi un dos berros cantados en Palestina esta semana. Foi a voz de Fermín Muguruza, coa súa banda e con varios músicos palestinos, quen animou novamente ao pobo palestino a seguir en pé impoñendo a voz sobre o silencio e transmitindo esperanza.

Xa no documental Checkpoint rock Muguruza logrou xuntar distintos artistas palestinos, amosando que Palestina non é só un muro rodeado de controis militares, senón tamén un pobo con voz. Un pobo que vive dun xeito normal e ás veces tamén morre de morte natural, sobrevivindo e mesturándose coa dor e a alegría, sen esquecer quen é nin quen foi; por iso, no concerto do 11 de abril, en Ramallah, Muguruza dedicou momentos ás músicas que crecen en Palestina e lembrou aos presos sen voz encarcerados en todo o mundo.

O pop harmonioso con toques árabes de Bil3ax abriu a velada nun Palacio Cultural onde as cadeiras quedaron baleiras e os espazos libres enchéronse de bailes e ecos das cancións. Tras eles, o rap de Safaa Arapiyat rimou o sentimento das mozas que gritan pola liberdad, e Kher Foudy animou o ambiente co darbuke, mentres Habib al-Deek relaxaba o lugar e invitaba a viaxar no tempo coas cordas do seu laúde. Entón, como colofón, Muguruza recitou en vasco algunhas das súas cancións máis coñecidas e rematou por reunir no escenario a boa parte do elenco de Chekpoint rock, musicando en vivo un documento de vida.

Como nunha batalla que non aparece nos mapas, Muguruza loitou en Palestina coa xerga das liortas silenciadas. Na liña de enfronte dun teatro que valeu de metáfora das gadañas que quedan nas barricadas, Ramallah acolleu novos folgos e animouse a non renderse: yalla, yalla!

“En la línea del frente”: http://www.youtube.com/watch?v=13jDJmHAsIY&feature=youtu.be

“Yalla, yalla, Ramallah”: http://www.youtube.com/watch?v=I4NPBzDpSAw&feature=youtu.be

Guernica palestino

 

image

 

Hai once abrís, Ienín quedaba sepultada baixo escombros. Con eses entullos construíuse unha das estatuas máis famosas de Palestina: un cabalo feito cos restos de coches esnaquizados, amais de cimentárense novas casas e o Teatro da Liberdade, un proxecto que naceu da man de Arna Mer Khamis e que continuou o seu fillo Juliano. Pero hai dous abrís, asasinaban a Juliano ás portas do teatro, marcando así unha nova data no calendario de abrís palestinos que, como a súa historia, ten o ano 1948 como punto de inflexión.

En 1948, Deir Iassin era unha aldea moderna e tranquila ás portas de Xerusalén. Os seus 750 habitantes vivían maiormente da canteira de pedra do lugar e mantiñan boas relacións cos veciños xudeus. Con todo, a súa posición estratéxica, a 800 metros sobre o nivel do mar, nun punto que servía de observatorio á entrada principal de Xerusalén, serviu de acicate para os ataques sionistas.

Dous grupos paramilitares, Irgun e Stern, decidiron deixar de defenderse das internadas árabes e atacar. Entraron en Deir Iassin coa intención de conseguir unha rápida vitoria que demostrase a capacidade sionista e a súa intención de defender Xerusalén. Pero a falta de preparación e a organizada resistencia provocaron a intervención da Hagana e o masacre da aldea, onde morreron máis de cen persoas.

As forzas sionistas usaron o ataque de Deir Iassin como propaganda para amosar a súa forza, amais de como impulso para novas incursións. Os árabes deron a coñecer os feitos enseguida tentando así animar á súa xente a loitar. O resultado, con todo, só fixo crecer o medo e alentou á poboación palestina a fuxir das súas casas.

Un novo abril, o de 2013, comeza con cifras de mortos e ataques que volven dar que falar e prognostican máis revoltas. A morte de Maisara Abu Hamdieh nun cárcere israelí, e as de Amer Nasser e Naji Balbisi tras as manifestacións pola morte do primeiro, só prenderon máis lume no conflito, intensificado en Hebrón, de onde era orixinario Abu Hamdieh e onde as tensións entre os colonos que habitan no medio da cidade e os locais son constantes.

As manifestacións multiplícanse e diversifícanse. Samer Isawi, detido despois de ser liberado por us breve espazo de tempo, leva en folga de fame dende o 29 de xullo de 2012. E en Ienín, o Teatro da Liberdade, lonxe de renderse, continúa a traballar coa esperanza de crear mentes libres e pensantes. No seu último proxecto, Nota suicida dende Palestina, repasa a historia do pobo palestino, valéndose de nacións e organizacións internacionais personificadas no soño dunha estudante que sabe que “o home é moi útil. Pode voar e pode matar, pero ten un defecto: pode pensar.”

image

 

image

 

image

A auga

 

image

 

“Kan ya makan”, había unha vez, un pobo nun val, un val entre montañas, e montañas regadas de augas. Pero as augas evaporáronse coa chegada doutro pobo, que partiu e repartiu para si tan prezado ben.

Para lembrar a historia e celebrar o día da auga, o venres 22 organizouse unha andaina no val do río Xordán, no que amais de ver as comunidades labregas de Mak-hul, al-Hadidiya e Fasay’il al-Fauqa, escoitáronse contos, música e teatro. Comezou o paseo cedo, por medo a que subisen as temperaturas durante o día, pero en vez de sol, o mediodía trouxo area en forma de tormenta.

Os primeiros pasos, a carón das zonas máis verdes de Palestina e non lonxe dos bloques de cemento dos asentamentos ciscados por todo o lugar, serviron para facer camiño e abrir os apetitos. O primeiro descanso foi un aperitivo xograr con xantar incluído. Alí, algúns dos pastores de al-Hadidiya contaron os seus problemas coa auga e como, malia teren augas subterráneas a poucos metros das súas casas non teñen acceso a ela, que si chega ás colonias circundantes.

O Teatro da Liberdade, “Masrah il-Jurrieh”, de Ienín é un dos organizadores desta marcha que, seguindo as pegadas da auga, narra a historia de Palestina. Eles encárganse de representar as historias que se van contando no camiño e de dar voz, en silencio, a sucesos diarios como o que representaron seguindo as palabras de Abu Sakker.

 

image

 

 

image

 

 

 

image

 

 

image

 

 

image

 

 

image

 

 

image

 

 

image

 

 

image

 

Grupos de diferentes partes de Palestina e de fóra uníronse no camiño non só para ver as dificultades dun pobo sedento, senón tamén para comprobar que a súa sede de liberdade tamén se apaga con arte. Por iso, como colofón, varios artistas actuaron no escenario da última parada, onde se deron grazas á vida e resoaron as letras das cancións dos rapeiros DAM.

http://www.youtube.com/watch?v=DITtYQrDiWQ&feature=youtu.be

http://www.youtube.com/watch?v=Er_lvwzQiWo&feature=youtu.be

http://www.youtube.com/watch?v=cABMgYiQbUQ&feature=youtu.be