Veña, veña, Ramallah!

“Yalla, yalla Ramallah” (“veña, veña, Ramallah”) foi un dos berros cantados en Palestina esta semana. Foi a voz de Fermín Muguruza, coa súa banda e con varios músicos palestinos, quen animou novamente ao pobo palestino a seguir en pé impoñendo a voz sobre o silencio e transmitindo esperanza.

Xa no documental Checkpoint rock Muguruza logrou xuntar distintos artistas palestinos, amosando que Palestina non é só un muro rodeado de controis militares, senón tamén un pobo con voz. Un pobo que vive dun xeito normal e ás veces tamén morre de morte natural, sobrevivindo e mesturándose coa dor e a alegría, sen esquecer quen é nin quen foi; por iso, no concerto do 11 de abril, en Ramallah, Muguruza dedicou momentos ás músicas que crecen en Palestina e lembrou aos presos sen voz encarcerados en todo o mundo.

O pop harmonioso con toques árabes de Bil3ax abriu a velada nun Palacio Cultural onde as cadeiras quedaron baleiras e os espazos libres enchéronse de bailes e ecos das cancións. Tras eles, o rap de Safaa Arapiyat rimou o sentimento das mozas que gritan pola liberdad, e Kher Foudy animou o ambiente co darbuke, mentres Habib al-Deek relaxaba o lugar e invitaba a viaxar no tempo coas cordas do seu laúde. Entón, como colofón, Muguruza recitou en vasco algunhas das súas cancións máis coñecidas e rematou por reunir no escenario a boa parte do elenco de Chekpoint rock, musicando en vivo un documento de vida.

Como nunha batalla que non aparece nos mapas, Muguruza loitou en Palestina coa xerga das liortas silenciadas. Na liña de enfronte dun teatro que valeu de metáfora das gadañas que quedan nas barricadas, Ramallah acolleu novos folgos e animouse a non renderse: yalla, yalla!

“En la línea del frente”: http://www.youtube.com/watch?v=13jDJmHAsIY&feature=youtu.be

“Yalla, yalla, Ramallah”: http://www.youtube.com/watch?v=I4NPBzDpSAw&feature=youtu.be