Eleccións universitarias

 

A política é un tema que, en Palestina, nace coa xente. Moitas veces as cores políticas veñen determinadas polas afiliacións dos devanceiros e é na etapa universitaria cando se confirman os ideais. De aí que as eleccións destes días sirvan para medir as opcións dos diferentes grupos políticos representados no terreo.

Dende os seus comezos, as universidades foron o escenario do activismo político palestino, de aí a importancia das eleccións máis alá do ambiente estudantil. Este martes 23 celebráronse as eleccións en An-Najah, a universidade máis grande de Cisxordania. Fatah, que naceu como movemento político nas universidades de fóra de Palestina, foi o gañador. Con todo, os 33 asentos conseguidos por Hamás, dez menos que Fatah, outórgalles unha vitoria moral despois de seis anos afastados das furnas.

Os grupos de esquerda e as outras faccións minoritarias apenas teñen representación. As vitorias sociais das frontes comunistas parecen citas dunha historia de Palestina que sobrevive por feitos como a folga de fame de Samer Isawi, e os outros partidos non pasan de méritos casuais normalmente no eido empresarial. Así, Fatah e Hamás son a dicotomía do discurso en Palestina: laicismo fronte a islamismo, silencio ou non; accións, reaccións ou diálogo; violencia ou non. Estas son algunhas das palabras que os enfrontan, mentres logran máis ou menos espectadores e seareiros para as súas filas.

A volta de Hamás ao poder parlamentario cobra cada vez máis forza, xa que cada vez son máis os sectores que apoian o movemento. O sentimento nacionalista e o veto cara ás decisións internas do propio pobo son talvez as causas que primen na volta de Hamás ao poder que, cando menos, si volta as discusións sobre Palestina en Cisxordania.