Palfest 2013

 image

 

O festival palestino de literatura, Palfest, naceu hai seis anos coa intención de desfacer as fronteiras artificiais da Palestina histórica, tratando de unir o territorio por medio da palabra. Dende entón, os recitais poéticos, os concertos musicais e as charlas con escritores e escritoras cítanse unha semana ao ano para facer que a literatura se converta na ponte entre Palestina e o resto do mundo.

En 2008 Belén, Ramallah e Xerusalén acolleron a primeira semana literaria que ao ano seguinte percorreu toda Cisxordania, e este ano logrou estar presente tanto en Gaza como en Cisxordania e incluso en Haifa. En Nablus, a modo de colofón, houbo teatro, poesía e música.

O actor Omar el-Khairy presentou fragmentos dunha súa obra, Beizos amargos, baseada no blog “A Gay Girl in Damascus” (Unha lesbiana en Damasco), na que unha moza siria é detida e interrogada polos servizos de seguridade do seu país, amosando así unha imaxe real dos sucesos actuais en Siria.

O escritor China Mieville leeu un texto sobre o seu humilde coñecemento de Palestina e as imaxes que percibiu nesta visita. No seu recitar, recordou como é o paso fronteirizo entre Belén e Xerusalén, “no límite da morte” ou como as nubes parecen máis baixas na cidade vella de Hebrón.

Basel Zayed e Turab (Terruño) puxeron música e versos á noite, conxugando a tradición árabe musical e poética; despedindo o Palfest con aplausos e parabéns que xa ecoan nos recitais do próximo ano.

“Lamma il-leil”, Turab: http://www.youtube.com/watch?v=KnzFInqWpkw&feature=youtu.be

image

 

 

image

 

 

image

Amor fundido no cine palestino

image

 

 

image

 

 

Omar é un panadeiro namorado de Nadia, a irmá do seu amigo Tareq, un activo combatente palestino. A grandes liñas, esta é a historia de amor dunha película rodada e financiada en Palestina, e que reflicte unha realidade que confunde amizades, amores e conflitos. Unha longametraxe que compite con outras 18 na sección “Unha certa mirada” e que tras o paso de Cinco cámaras rotas polos Oscar, augura un futuro próximo para o pobo palestino e o seu cine.

Omar ten que escalar o muro de separación para chegar ata a súa namorada, arriscando así a súa vida ou, cando menos, a súa liberdade dentro de Cisxordania. Un día, a policía atrápao e a súa vida cambia totalmente. A malleira que recibe fai que se una a Tareq e un seu colega, Amjad, nunha operación para matar un soldado israelí. Pero os soldados saben do seu amor e conseguen coaccionalo para que dubide do amor de Nadia e que os compañeiros o vexan como un traidor.

Omar é unha película provocadora que, en palabras do seu director, Hani Abu-Assad, busca a audiencia palestina, unha poboación necesitada de bens culturais feitos por eles e para eles. “É sobre a xuventude e o mundo árabe hoxe […]. Reflicte a vida de onde hai divisións entre dous sectores que teñen que enfrontarse á confianza, o amor e a amizade.”

O festival de Cannes deste ano é aínda máis provocativo coa outra produción integramente palestina, a curtametraxe Condón fundido, un título que fai referencia á ofensiva israelí sobre Gaza, entre 2008 e 2009, chamada “Chumbo fundido”. Os irmáns Mohammad (Arab) e Ahmad (Tarzán) Abunasser presentan unha historia sobre as comunicacións e as relacións nos momentos máis álxidos dun conflito.

Condón fundido é unha película muda que fala do dereito á intimidade, negado en tempos de guerra. Comer e protexerse son instintos básicos que se complementan con necesidades físicas e psíquicas que, nun matrimonio, deveñen en sexo. Pero os ruídos do sexo non resisten os dos tanques, mísiles, explosións e ambulancias, e calan para deixar de existir.

O guionista da curta, Jalil Muzayan, explica que tratou de dar unha imaxe da guerra que non recollen os medios de comunicación: “Os palestinos están emocional e sexualmente ignorados, xa que o foco está sempre na morte e na violencia, ignorando os detalles da vida diaria e os dereitos humanos máis simples, como o de facer o amor.”

Gaza e Cisxordania representan así, co seu cine, á Palestina enteira; amosan a realidade dun pobo que gusta do cine e que o necesita, coma calquera outro pasatempo, como dereito vital. Proba diso son as obras de Elia Suleiman ou mesmo de Hani Abu-Assad, que con Paradise Lost (Paraíso perdido) logrou o Globo de Ouro á mellor película de fala non inglesa e nomeada aos Oscar en 2006.

Fotomaratón en Palestina

 

image

 

Ruído, onte, natureza morta, punto de ebulición, decadencia, ás présas. Eses foron os temas que tiveron que fotografar os participantes no segundo fotomaratón de Palestina no que se xuntaron máis de cento cincuenta cámaras nas cidades de Gaza, Nablus, Ramallah e Xerusalén.

Dividido en 6 e 12 horas, a intención do maratón era amosar a realidade palestina a través dos ollos da xente en Palestina, un punto en continua ebulición que moitas das veces só se capta nas ópticas interesadas dun conflito que fai que se esquezan outras realidades diarias.

As 12 fotos dos tres primeiros clasificados, Nora Schweitzer, Mahmoud Hreish e Samer Nazzal percorreran Palestina e Dinamarca xunto coas dos gañadores do maratón de seis horas: Mohammad Abbas, Sahdi Rabayah e Areen Natsheh, amais das de Moncho Iglesias Míguez, que recibiu unha mención especial do xurado pola súa serie coherente de fotografías.

 

image

 

 

image

 

 

image

 

 

image

 

 

image

Il-Nakba: 65 anos

O 14 de maio de 1948, tras varios plans de partición e propostas de traslado da poboación árabe palestina, Gran Bretaña abandona o territorio palestino que viñera ocupando dende 1920. Remata así o mandato británico, o 15 de maio, dando comezo a un estado xudeu independente: Israel. Amais, a retirada das tropas árabes confirma a catástrofe: unhas 200 aldeas desaparecen e preto de 350.000 palestinos abandonan os seus fogares; cifras que irán en aumento ao longo dese ano 48, no que preto dun millón de palestinos se converten en refuxiados.

O día da Nakba, a catástrofe, conmemórase en lembranza do 15 de maio de 1948. Con todo, non só ese día e ese ano foron desastrosos; xa que o interese nos territorios palestinos vén de atrás. A ruta descuberta por Vasco da Gama a finais do século XV provocou que diminuíse o tráfico portuario, que tratou de mellorarse con concesións económicas e políticas aos poderes europeos. Os británicos, interesados na zona, foron seguidos polos franceses, que da man de Napoleón quixeron comprobar os froitos da expansión dos outros. Deste xeito, Europa comezou a apoiar os intereses otománs e a establecer congregacións relixiosas que puidesen manter o cristianismo en Oriente, á vez que o imperio otomán concedía axudas que alimentaban o poder europeo.

No século XIX comezou a se xestar a idea da colonización de Palestina en forma de “neo-cruzadas”. En 1897, o movemento sionista, presidido por Herzl, reuniuse en Basel, Suíza, asentando as bases do seu programa, que clamaba o dereito xudeu a rexer Palestina. En 1917, o secretario de asuntos exteriores británico, Balfour, declarábase a favor do establecemento dun estado xudeu en Palestina, converténdose así nun fiel aliado da causa sionista.

Durante a primeira guerra mundial incrementouse a represión turca sobre o pobo palestino, ata que a Liga das Nacións decidiu, en 1920, deixar Oriente Medio en mans de franceses e británicos. Ata entón, a poboación árabe representaba un 90% do total, que dende ese ano pasou a ser “a comunidade non xudía”. Pola outra banda, a poboación xudía creceu ata chegar a ser o 18% en 1931 e o 28% en 1939. O movemento nacional palestino opúxose ás políticas de inmigración dirixidas polo mandato británico; con todo as pequenas elites que o conformaban temían perder a súa hexemonía e poder, e foise debilitando devagar. Así e todo, a resistencia popular non deixou de manifestarse contra as autoridades británicas e as novas ondas de colonos sionistas.

As terras foron cambiando de donos, en moitos casos ausentes que deixaban as leiras a outros para as traballaren, e moitos palestinos perderon así os seus dereitos. Amais, os xudeus organizaron estruturas colectivistas para mellorar a produtividade da terra, facendo que a tensión rematase nunha gran revolta en 1929. Con todo, o apoio británico axudou á chegada de máis xudeus, que tras o aumento do antisemitismo en Europa non deixaron de inmigrar a Palestina.

En novembro de 1947, a asemblea xeral da ONU aprobou o plan de partición de Palestina: 56’5% para o estado xudeu e 42’9% para o estado árabe. Entón comezaron as conquistas militares que levaron á primeira guerra entre combatentes palestinos e voluntarios árabes, fronte aos soldados da Hagana, os defensores xudeus, e á declaración de independencia do estado de Israel: o 14 de maio de 1948.