Mohammad Assaf, líder palestino

Palestina non só precisa quen a goberne e a guíe, senón tamén quen lle poida dar alegrías, éxitos e vida. Mohammad Assaf, un estudante de Gaza que traballa como cantante en vodas, conseguiu ser abandeirado do seu pobo e erguer a súa bandeira ao facerse gañador do programa de televisión árabe “Arab Idol”, devolvendo o sorriso ao pobo palestino.

“Arab Idol” vén sendo a versión árabe máis familiar e mediática de “Operación Triunfo”, emitida pola canle saudita MBC. Cantantes de diferentes países árabes compiten por seren a mellor voz, elixida a través dos votos dos telespectadores. Os competidores actúan cada venres e o sábado seguinte coñécese quen continúa no programa. Tres meses despois, os tres finalistas defenden a súa voz e os seus países, que nesta ocasión chegou cos representantes de Exipto, Palestina e Siria.

Mohammad Assaf é un refuxiado do campo de Khan Younis, en Gaza, famoso polos entullos das súas casas. Porén, como di o propio cantante: “Os palestinos non son do xeito que nos ven. Queren ser felices. Gústalles cantar.” Non só a poboación é distinta a como se ve nos medios, tamén os lugares. Os palestinos non son mutilados que carrexan bombas e aturuxan cando hai ataques; Palestina non é unha enlamada de xentes na procura de acubillo; e os campos de refuxiados non son tendas de campaña grises. Nos campos de refuxiados amoréase o cemento en liñas verticais febles, mirando o horizonte dun regreso ás casas orixinarias. Neles viven os palestinos expulsados das súas casas dende 1948, e con eles habitan penas e angustias, pero tamén alegrías.

Os afagos a Mohammad Assaf veñen repetíndose dende o comezo do programa, así como as mostras de alegría e unidade en Palestina. A súa voz nunca fixo dubidar aos palestinos das posibilidades de gañar o concurso, pero o feito de seren os espectadores que deciden o vencedor si parecía prognosticar que o representante palestino xamais pasaría as cifras dos países máis poboados. Así e todo, a medida que avanzaba o concurso, as rúas palestinas enchíanse de cartaces en apoio e as veladas dos venres en cafés aumentaban. A voz de Assaf e as cancións románticas e patrióticas parecían convencer a máis e máis espectadores.

Para Mohammad Assaf o concurso comezou antes da súa primeira actuación. Tardou dous días en recorrer os 400 quilómetros que separan a súa casa do Cairo, e chegou tarde á audición. Alí, un compañeiro escoitouno e deixoulle o seu posto, confiando plenamente nas súas posibilidades. O éxito empezou paseniño e con el as protestas e a oposición de grupos relixiosos que vían no evento un intento de occidentalización do lugar, amais dunha incitación ao pecado e unha escusa para esquecer a causa palestina e os seus prisioneiros. Emporiso, Mohammad Assaf logrou conquistar incluso as masas máis críticas e converterse nun “foguete de amor e paz sobrevoando as cidades de Palestina”.

“Paxariño voador”: http://www.youtube.com/watch?v=Rdz3GrDXBdw&feature=youtu.be


A Naksa

image

En 1948 Israel proclamou a súa independencia, que resultou na catástrofe do pobo palestino, a Nakba. O estado xudeu ocupou daquela un 78% do que era Palestina; o resto foi anexionándose posteriormente. En 1967 Israel pasou a controlar Cisxordania e Gaza, ata entón anexionadas a Xordania e Exipto, amais dos Altos do Golán, en Siria.

En Maio de 1967 os exércitos de Exipto, Siria e Xordania mobilizáronse nas fronteiras con Israel, preparándose para invadir o país. A súa idea era expulsar os xudeus ao mar, pero a batalla, que comezou o 5 de xuño e só durou seis días, rematou cunha clara derrota árabe. A vitoria xudía logrou a anexión dunha gran Xerusalén e da perda de máis territorio para os árabes.

Naksa conmemora a expulsión palestina tras a guerra de 1967 e na que máis de 300.000 persoas pasaron a ser refuxiadas, un terzo delas xa refuxiadas tras a Nakba. Despois da guerra, Israel ocupou o que quedaba da Palestina histórica, amais dos Altos do Golán e a Península do Sinaí, que devolveu a Exipto en 1982. Dende entón, Israel encheu os terreos anexionados con asentamentos, estradas e zonas de seguridade ás que non poden acceder os palestinos.

“Os territorios árabes ocupados dende 1967, incluíndo Xerusalén”, tal e como os nomea a ONU, están separados entre si por zonas que se acordaron en 1995 durante os acordos de Oslo II. A área A, o 18% de Cisxordania, está administrada pola Autoridade Palestina, aínda que as forzas de defensa israelí poden entrar nelas para arrestar a militantes sospeitosos; a área B, que ocupa un 22% do territorio, está baixo control civil palestino e control de seguridade conxunto; mentres a área C, un 60%, está baixo control israelí.

Na área C de Cisxordania viven máis de 300.000 colonos en 121 asentamentos, ocupando partes das terras nas que viviron palestinos espallados en 58 campos de refuxiados de Cisxordania, Xerusalén, Gaza, Xordania, Siria e Líbano. Amais, na Gran  Xerusalén hai 200.000 colonos e nos Altos do Golán 20.000, en terreos ocupados ilegalmente baixo a lei internacional. Para lembrar como se chegou a esa situación, as Forzas de Defensa de Israel crearon unha conta, con fotos e vídeos, en Twitter (https://twitter.com/IDF1967), na que “recrea a gran guerra dos seus días de xuño, minuto a minuto.”