Siria en Palestina

O domingo, o exército israelí entraba no campo de refuxiados de Qalandia, ás portas de Ramallah, na procura dun sospeitoso. A internada presentábase como outra máis, igual ás 6000 do ano pasado e ás mais de 3000 no que vai de 2013. Con todo, as terrazas das casas e as rúas encheron de pedras o camiño dos tanques e a confrontación acabou con tres palestinos mortos.

Con Siria como punto de mira da actualidade; Palestina, con tantos anos de protagonismo entre cifras e estatísticas, parece ceder o espazo dos titulares a outra guerra, na zona, que tampouco se libra no lugar. En Siria, tras dous anos de mortes, desprazamentos, importación masiva de armamento e denuncias por pertenza a grupos terroristas, a poboación civil xa conta.

As chamas dunha posible intervención externa en Siria apagan as chispas constantes dunha Palestina que sempre arde dentro e fóra do seu terreo. Entre os millóns de sirios hai medio millón de refuxiados palestinos que volven representar a guerra nos teatros das súas vidas. Namentres, espectadores, directores e demais axentes entre bambolinas, partillan comentarios sobre o que ha ser. E será o que marquen os guións dos prestidixitadores para mover as súas marionetas.

Polo momento, as novas veñen marcadas por mensaxes lixeiras sen noticia, e especulacións. Siria advertiu que as intimidacións e as acusacións só provocan que aumenten as posibilidades de repetírense os eventos da guerra do 73, a guerra de Iom Kippur, na que o territorio do atacante acabou por ser terra para os enterros. En Israel, onde non hai horarios, o exército xa chamou a grupos de reservistas e repartiu máscaras de gas, aínda que a tensión se desvía co número de cifras, que pretenden enganar cunha rutina máis na zona. Porén Xordania está lista para reter as posibles consecuencias de ataques con gas na fronteira norte e o Mediterráneo péchase coa chegada de novos navíos.

O escenario e as pasarelas están preparados para un próximo desfile bélico. Siria, no centro, agarda unha toma de decisións que non contentará a todos. Un ataque provocaría unha resposta iraniana, amais das evidentes consecuencias na zona, e unha non intervención parece entenderse como un empuxón a Corea do Norte para seguir a súa propia loita. Sexa como for, Palestina libérase, sen tempo, de ser noticia, nin para as estatísticas.

 

 

 

 

 

 

San Mamede de Xendive

No concello de Boborás, na comarca do Carballiño, flúen algúns dos mil ríos que Cunqueiro afirmaba regaban o país. Aí está o Viñao, que molla máis có perenne orballo da parroquia de Xendive, e algunhas das mostras máis propias de Galicia: hórreos, cruceiros e igrexas.

A Xendive chégase a través dun océano de carballos e sáese del por un río que parece a sombra dos montes do Testeiro. Nun val onde noutrora segaron ferraia, centeo e herba, onde creceron o millo e as fabas, e se cebaron vacas, ovellas e porcos; construíuse unha verea que, pasando polo alto do Paraño, comunicaba Ourense e Pontevedra, e enlazaba o Ribeiro con Santiago de Compostela. Xendive entrou no trazado do camiño medieval e de aí vén que algunha comunidade cristiá construíse a igrexa de San Mamede, un neno palestino que se converteu en patrón do lugar.

Mamede é o nome co que se coñece a Mamés, “o gran mártir” de Siria e Grecia. Teodoto foi seu pai, quen morreu no cárcere por manterse fiel á súa relixión, igual que a nai, Rufina, que faleceu ao pouco de nacer o neno. Ammía, unha muller da zona, adoptouno; de aí vén o seu nome, da repetición de “mamma”, palabra coa que se dirixía á nai.

Ammía criouno coma a un fillo e estudouno con cinco anos, conseguindo espertar nel unha gran paixón pola lectura. De nobre estirpe, distinguiuse máis pola fe que polos seus bens; de feito, xa de moi novo foi famoso o seu rexeitamento á veneración dos deuses e sendo Demócrito gobernador de Cesárea foi apresado.

Mamede queixouse dos sacrificios a estatuas xordas e sen alma, e nin o emperador foi quen de persuadilo das súas ideas. Flaxelárono, prendéronlle lume nas chagas e apedrárono; con todo, Mamede non renegou de Cristo nin de Deus. Xa por último, o emperador ordenou atarlle ao pescozo unha corda cunha gran lámina de chumbo e arroxalo ao mar. Cando o custodiaban para afogalo, apareceu un anxo, que espantou os soldados e mandou a Mamede ir vivir nun monte.

Daquela, Mamede dedicouse ao pastoreo, esquecendo as posesións herdadas de Ammía, e facéndose amigo de todos os animais. Co leite que muxía facía queixos, que logo entregaba aos máis pobres da aldea. Pero por aquel entón chegou ao lugar o gobernador Alexandre, quen mandou polo pastor caritativo. Este saíu ao encontro dos soldados, aos que se ofreceu para guialos ata Mamede despois de descansaren con el. Comendo e bebendo topárono as feras que adoitaban ir a diario onda el, e asustaron aos soldados.

Mamede ofreceuse a acudir coa garda ao gobernador. Antes chamou a un león e díxolle que o seguise e que cando os infieis estivesen no anfiteatro executándoo, acudise ao lugar e esnaquizase a cantos xentís blasfemasen o nome de Deus. Xa co gobernador, este preguntoulle polos encantos cos que podía amansar os animais máis feros, ao que Mamede respondeu que decidira vivir entre animais e non entre idólatras e encantadores.

O gobernador Alexandre ordenou colgar e despezar o atrevemento de Mamede, quen non pareceu sufrir co castigo. Por iso, non conforme, pediu o gobernador que metesen ao outro nun forno, onde ardeu durante tres días sen queimarse. Entón, levárono ao anfiteatro, para que as feras o degolasen. Porén, o oso inclinouse ante el e o leopardo lambeulle a suor da cara. Asemade, o león chegou veloz ao sitio, e rabuñou cruelmente aos infieis, agás o gobernador, que mandou a un dos seus ministros saír ao coso cun tridente e cravalo con forza no pastor milagreiro.

Unha devota recolleu o sangue das feridas e o propio Mamede saíu da cidade coas entrañas nas mans. Morreu camiño do que fora a súa guarida e dende ese ano, o 275, creceu a súa fama. Foi por ese motivo que un francés, de volta de Palestina, detívose en Constantinopla para visitar o lugar onde fora martirizado Mamede, e de aí se espallou a devoción.

Contan que, unha vez martirizado, botaron o corpo de Mamede ao mar, e a furna na que o colocaran chegou a Chipre. Alí, na aldea de Morfú, construíuse unha igrexa, na que se garda a furna na que chegou o corpo do mártir e que non deixa de manar un líquido milagreiro que se cre bo contra o furor do mar.

Amais de en Chipre, San Mamede é venerado en Turquía, Siria, Líbano, Italia, Francia e no norte da Península Ibérica. En Bilbao é famoso o campo de fútbol de San Mamés, emprazado no lugar que ocupara o convento franciscano de San Mamés, onde xoga o Ath. de Bilbao, un equipo cuxos xogadores son coñecidos como “os leóns”. E é que a furia dos bilbaínos emparéntase coa da lenda do mártir cos leóns.

En Occidente, San Mamede é o patrón das amas de leite, pois foron os animais salvaxes que o nutriron co seu leite, e o seu propio nome fai referencia a iso. Amais, invócase contra a colite, pois desgarráronlle o ventre cun tridente e sobreviviu. O seu festexo varía entre xullo e setembro; en Xendive é o 7 de agosto, data que aparece nos calendarios mozárabes e que da fe que a súa devoción vén de tempo atrás.