O masacre de Kafr Qasim

 

O 29 de outubro de 1956, Israel asaltou Exipto e impuxo o toque de queda, entre as 5 da tarde e as 6 da mañá, en varias aldeas próximas a Xordania, no “Triángulo”, o distrito central. Na zona vivían uns 40.000 árabes-israelís e considerábase un punto de control feble para Israel, sospeitoso de permitir o fácil acceso de milicianos.

A orde déuselle á policía de fronteira, mais con pouco tempo para avisar a poboación. Algúns dos campesiños recibiron o aviso; outros dos traballadores de Kafr Qasim, de volta a casa, toparon coa policía de fronteira, a Magav, cumprindo os mandatos: “Ningún habitante ten permiso para saír da casa durante o toque de queda. Dispararase contra quen queira que saia; non haberá arrestos.”

En pouco máis dunha hora, na tarde do 29 de outubro de 1956, a Magav disparou indiscriminadamente contra os civís que había nas rúas de Kafr Qasim. Morreron 19 homes, 17 nenos, 6 nenas e 6 mulleres (unha delas embarazada). Os feridos quedaron tendidos ata que se levantou o toque de queda e só entón os levarons aos hospitais.

Os policías de fronteira foron condenados a prisión e dous dos oficiais, Malinki e Dahan, recibiron unha sentencia de 17 e 15 anos, reducida a 5 anos e logo aínda menor. Tras a súa liberación, Malinki ocupouse da seguridade do Centro de Investigación Nuclear do Neguev e Dahan cubriu o posto de “asuntos árabes” na cidade de Ramle.

Kafr Qasim rememora o incidente anualmente, cunha manifestación que percorre a vila e remata cun discurso a prol da necesidade de entendemento. Así, o propio presidente de Israel en 2007, Shimon Peres, pediu desculpas polo masacre, e un ano antes, Yuli Tamir, ministro de educación, pediu aos colexios do país que reflexionasen sobre o mesmo e sobre a necesidade de desobedecer ordes ilegais.

Cine nos tendais

A UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo) organiza, anualmente, unha competición de fotografía e cine xunto á UE. A mocidade dos campos de refuxiados dá voz á creatividade con este proxecto que revela unha iniciativa imaxinativa que permite coñecer Palestina a través dos ollos das cámaras dos seus.

Salah Alhaw, orixinario de Simsim, ten 20 anos e vive no campo de refuxiados de Yabalia. Gañou o premio á mellor curtametraxe por Baile no tellado, un vídeo artístico que retrata o quefacer diario no campo a través de roupas tendidas. A música acompaña os tendidos, que mudan, como o tempo, con rapidez, sen espera, nun mesmo espazo. Para o propio Salah Alhaw, coas imaxes trata de proxectar a idea de que o seu pobo está resolto a continuar con amor e esperanza, malia a situación.

http://www.youtube.com/watch?v=vGshEgr71pM

Husam Abu Dan ten 21 anos, vive na cidade de Gaza e é orixinario de al-Majdal. A súa curta, Pingas, que recibiu o segundo premio, xoga co tempo e as particulares medicións que del fan os cativos. A partir da creatividade das crianzas palestinas, que inventan xogos como o de recoller a auga que cae da roupa tendida para facer burbullas, Husam Abu Dan permite dar unha visión da infancia, sempre na procura de felicidade.

http://www.youtube.com/watch?v=enCii9tD1vs

A Asociación Xuvenil Wajeh, do campo de Burj Barajneh, en Líbano, recibiu o terceiro premio por Calexas sen lámpadas. A curta ilustra os movementos dos residentes do campo nunha calella: as idas e vidas, as voces que se suceden e o silencio conforman esta curta.

http://www.youtube.com/watch?v=jxOoNV1A61M

Amais, as curtas dos gazatís Samar Abu Ouf, Pan, “Vida”, Liña e de Emad Abu-Shawiesh Corda de medo recibiron unha mención de honra. Na primeira séguense os pasos dunha muller que cose e bambea os pequenos da casa cando non prepara e separa codias de pan. Na segunda, os nenos dunha veciñanza xogan con cordas e bólas, crecendo entre roupas tendidas ás portas de casas que comparten pasado, presente e futuro.

http://www.youtube.com/watch?v=1oGdp5LjDnQ

http://www.youtube.com/watch?v=ImL3XiZCJXs

As fotografías de Bilal Khaled Telawi, do campo de Khan Younis, en Gaza, de Mo’taz Ibrahim al-A’raj, do campo de Rafah, en Gaza, e de Najd Imad Abed al-Al, do campo de Beddawi, en Líbano, completaron a lista de galardoados deste proxecto de imaxes palestinas feitas coas mans, os ollos e a imaxinación do futuro de Palestina.

 

 

 

Batir 8 días á semana

En Palestina, dependendo do lugar, a semana comeza en sábado, domingo ou luns. A fin de semana varía nunha combinación que vai de xoves a domingo, aínda que o sábado é día de mercado en case todas as vilas e cidades, e os zocos énchense de xente. Os calendarios seguen o ritmo das relixións e das colleitas, e márcanse en semanas de sete días, mais non en todos lados. En Batir, unha aldea ás aforas de Belén, a semana ten oito nomes propios, non oito días de almanaque.

Batir é unha das marabillas do mundo que aínda non forman parte do Patrimonio Mundial da UNESCO. Este ano a Autoridade Palestina barallou a posibilidade de presentar a candidatura; con todo, unha decisión final adiou a idea e este oasis romano de xardíns seguirá agochado para o mundo se non o impiden as continuas ameazas por mor da construción do muro de separación que rodea Cisxordania. Entanto, o máis rechamante de Batir non é o feito de que cada semana teña oito días, senón as causas dese uso do calendario.

O sistema de irrigación de Batir ten un gran valor histórico, ao manter o cultivo de tomates, olivas, fabas, cogombros, cabazas, berenxenas, albaricoques e améndoas en terrazas milenarias. Un manancial prové de auga toda a aldea grazas a canais por niveis que cada familia ten dereito a usar unha vez por semana. Esta práctica de reparticións serve para que os oito clans familiares irriguen os seus terreos e Batir continúe a ser autosuficiente.

Batir está a medio camiño entre Xerusalén e Iafa-Tel Aviv. Durante o século XIX, este verxel servía de punto de partida cara aos mercados do resto de Palestina e por iso a liña de tren, que rematou de construírse en 1892, tiña parada nas faldras da aldea. Durante a II Guerra Mundial, a estación deixou de ter uso, ata recuperalo en 1920, baixo o Mandato Británico, restablecéndose a Rede Ferroviaria palestina. Porén, os trens volveron descarrilar e o tráfico ferroviario suspendeuse despois de varios ataques do Irgún, o brazo armado do sionismo, en 1947. Un ano despois, o trazado da imaxinaria Liña Verde separou a aldea de parte dos seus terreos e destruíu a estación de trens.

En 1948, o ano da Nakba, os palestinos tiveron que abandonar, expulsados, os seus fogares; con todo, houbo levantamentos que tiveron certo éxito, e Batir é un exemplo deles. Hasan Mustafa estaba entre aqueles que quedaron na aldea, silandeiros, enganando os israelís, que crían o lugar deserto. Contra o propio Mustafa tropezou o ministro de defensa israelí de 1949, Moshe Dayan, quen lle asegurou que Israel só pretendía protexer a liña Xerusalén-Tel Aviv. Dende aquela, un acordo oral permitiu que as terras continuasen cultivándose a cambio de protección para o tren.

A día de hoxe, Batir é unha aldea duns 5000 habitantes, con catro colexios, un xardín público e uns coidados que fan dela unha visita obrigada, pola súa historia e beleza, dacabalo entre Xerusalén e varios dos asentamentos xudeus de Cisxordania. Unha illa dentro do arquipélago de terra que é Palestina, o Ministerio de Defensa israelí traballa pola unificación destes illotes, tentando por fin ao armisticio de 1949, para así ampliar o muro de separación que segue a sombra do trazado da Liña Verde.

O Ministerio israelí asegura que o muro terá un portalón que permita aos campesiños traballar as súas terras. Con todo, en Batir non só preocupa a falta de fermosura do proxecto, senón tamén a posible destrución do sistema de terrazas, sensibles a buldóceres e outros métodos non tradicionais.

Batir, como apunta Hasan Mustafa, é “un vivo exemplo do que unha comunidade pode facer por si mesma. Era a última parada da longa liña que chegaba de Cairo a Lida e a Iafa, nas chairas, e ao cumio, Xerusalén. Era aquí onde os viaxeiros doutras terras comezaban a contemplar as primeiras vistas da Cidade Santa, mentres os paisanos os saudaban alegremente ao pasar, coas caras pegadas ás fiestras, na procura de trazos de escenas locais.” Como fósil vivo na historia e na xeografía, Batir segue a ter oito días na semana.

Eid al-Adha en Palestina

image

A festa do sacrificio, Eid al-Adha, é unha festividade relixiosa musulmá que conmemora o sacrificio e obediencia de Ibrahim a Allah, e que serve para poñer de manifesto a xenerosidade da xente e afianza os lazos de unión entre os máis queridos. Amais de ser un acto relixioso, Eid al-Adha é un acto social no que se intercambian visitas e felicitacións.

No primeiro día, os musulmáns acoden cedo ás mesquitas, para o primeiro rezo, e logo van ás casas de familiares e amigos, cheos de agasallos e saúdos. Uns días antes mércanse animais para o sacrificio, amais de doces e café para seren distribuídos durante os tres días de festa. Daquela, as rúas énchense de cor, con novos postos ciscados por todos lados, cheos de caramelos, xoguetes e roupas que estrear. Ata ben metida a noite hai xente fóra das casas tratando de atopar como embelecer os seus fogares.

Feitos os preparativos, sacrifícase un cordeiro ou un animal parecido (nalgunhas ocasións vacas), ou ofrécense cartos para que as familias máis pobres poidan cumprir co ritual. Divídese a carne e repártese: un terzo para a familia, outro terzo para as amizades e outro para os necesitados. Con este acto trátase de lembrar a necesidade de axudar os necesitados e de compartir para fortalecer as amizades.

Antes de dividir a carne, os máis pequenos xogan cos anacos que desbotan os outros e mesmo comen crúas algunhas outras partes. Xa daquela, coas primeiras probas, sérvense cafés, dátiles e doces, como o ma’mul (especie de galleta chea de dátiles ou froitos secos). Múdanse as roupas polas de estrea e os homes saen das casas para visitar as casas das mulleres da familia. Hai familias que antes van aos cemiterios, onda as tumbas dos seus achegados, pero sempre se acaba celebrando a festa con xuntanzas entre amigos e veciños, esquecendo os lazos familiares e as crenzas relixiosas, que pasan a ser unha soa.

 

image

image

image

image

image

image

image

Taxistas

Palestina está constituída por nichos dispersos e moitas veces incomunicados entre eles. A súa xente non só vive no seu territorio histórico, senón tamén máis alá desas fronteiras, nalgúns casos como cidadáns de pleno dereito e noutros como refuxiados. Alá onde viven, habitan nichos e traballan, en casos, neles. Viven coa esperanza de volveren ás casas onde naceron, malia non teren xa propiedades ou non existiren ditos propietarios, o que fai que cada vez se arrede máis a idea do retorno, pois xa non existe tal.

En Xordania, a metade da poboación é palestina. Gran parte dela vive na capital, Ammán, onde os primeiros grupos de refuxiados chegaron en 1948 e onde hoxe viven integrados na vida do país. Os campos de refuxiados creceron, converténdose en barrios, marxinais, e moitos palestinos xa non viven neles. Espallados por todo o país, ocupan postos de traballo de todo tipo, pero igual que hai barrios de maioría palestina, hai negocios que parecen propios deles: os dos taxis.

Subir a un taxi implica dar unha serie de pasos. En primeiro lugar cabe preguntar se usar o taxímetro ou establecer un prezo, que se pode compartir, de admitirse máis xente. Xa que logo, comeza o diálogo: onde vas? de onde vés? estás casado? tes fillos? Nas respostas do taxista soe coincidir a segunda: Palestina. E é que os taxis xordanos parecen un produto típico palestino; cada un deles é o capítulo dun gran libro de historia e cada un deles ten as súas historias.

Iussef, de Belén, é un deses condutores que recorren Xordania tanto con locais como con turistas. Explica que o seu pai, como moitos outros palestinos, marchou a Kuwait e regresou a Palestina para casar. De volta en Kuwait, conta Iussef, naceron el e os seus irmáns, e alí tiveron unha vida marabillosa. Con todo, durante a guerra do Golfo caeu un foguete na casa e matou a toda a familia, menos a el, que estaba fóra. Así, dous meses despois decidiu ir para Xordania e empezar unha nova vida e unha outra familia.

Iussef é palestino pero considera Xordania a súa patria. Aí é onde ten familia, traballo e casa. En Palestina só lle quedan lembranzas da historia e algunha terra que non pode traballar. Os seus cinco fillos tamén son palestinos, pero como outros moitos pouco a pouco van perdendo a necesidade identitaria co seu pobo, esquecendo o que un día foi.

O Ammán palestino

O feito de ser unha das cidades máis antigas do mundo fai de Ammán unha enorme colmea habitada por diversas civilizacións. Entre os restos de moitas historias, a urbe crece na modernidade como se fose unha enorme aldea de Lego onde as xa ocupadas faldras das montañas ceden terreos a edificios e avenidas. Duque de Mukheibeh

Nos lindeiros dos dezanove outeiros que cobren Ammán, consérvanse construcións da Idade de Pedra, tumbas da Idade de Bronce, fortalezas da Idade de Ferro, un teatro e rúas columnatas da entón Filadelfia romana, igrexas bizantinas, e as pegadas das rutas que unían o Mediterráneo e Indochina, e que aínda a día de hoxe manteñen a cidade como núcleo de intercambio comercial.

Os restos arqueolóxicos pululan por Ammán igual que a súa xente; case desapercibidos. Son parte dun lugar ao que souberon adaptarse, permitindo solapárense aos fumes dos cafés, aos movementos de pezas nos taboleiros de xéxbex (backgammon), aos mercados, e aos edificios de vidreiras e terrazas con vistas. Pero están, sobre todo, na parte oriental, onde primeiro se asentaron milleiros de refuxiados palestinos (o 80% da poboación actual), e de a pouco se sumaron refuxiados kuwaitís, iraquís e, ultimamente, sirios.

Nese Ammán palestino viven moitos expulsados de Palestina no 48 ou no 67, ou que lembran as historias contadas por pais e avós. Un máis entre todos eles é Raymond Gordon, que naceu en Haifa, en 1946, e que tivo que marchar coa familia a Nablus con dous anos. Alí estudou, no que daquela era un colexio e hoxe é universidade, en An-Najah, e alí considera que ten o seu lar, a onde algún día espera volver.

Con pouco máis de 18 anos, Raymond marchou onda moitos dos palestinos da época: a Kuwait. Grazas á empresa onde traballaba conseguiu ir a Italia e despois a Australia, onde tivo cinco fillos e se estableceu, ata que decidiu volver á zona. Era o ano 2004 e daquela foi quen de entrar de visita en Nablus, pero nada máis, polo que subiu a Damasco e abriu un hotel onde conseguiu que parasen moitos turistas e estudantes procurando aprender árabe. Con todo; hai dous anos, a falta de seguridade en Siria provocou que o país se fose pechando a visitantes e locais, e obrigou a pechar o hotel. Entón, Raymond decidiu apostar polo Hotel Pasah, en Ammán.

Agora, o Pasha é un hotel que non só acolle turistas, senón tamén palestinos de varias xeracións e abre as portas aos camiñantes que buscan traballo, expulsados doutras terras. Unha vez máis, un palestino é exemplo de traballo emprendedor e o seu fogar un centro de reunión onde cada día se multiplican historias. No centro de Ammán, no que algún día foi descanso entre as rutas que conectaban o Mediterráneo co mundo árabe, segue en pé un caravansarai moderno con recendo a lendas noutrora e moita historia.

image

image

image

image

image