Veña paxariño, conta

 

Sharif Kanaana é, en palabras de Ghaleb Jaber, un irmán cun apelido moi palestino, Cananea, a poboación máis antiga do lugar. No seu apelido leva o nome da súa terra igual ca el, Ghaleb Jaber, o leva no sangue. Amais do amor pola súa terra, ambos coinciden no feito de emigraren a Estados Unidos e casar, e no caso de Sharif Kanaana, retornar a Palestina para reafirmar o seu valor de analista, conferenciante, creativo, investigador e, por riba de todo, un dedicado a Palestina, a onde regresou despois de 15 anos para ser reitor da Universidade An-Najah e logo director do departamento de Antropoloxía da Universidade de Bir-Zeit.

Con 12 anos, Sharif Kanaana viviu a declaración do estado de Israel, que obrigou ao exilio a moitos dos seus compatriotas, e con ela colleu valor e coraxe dabondo para traballar sobre o tema en libros como Aínda de vacacións!, o desaloxo dos palestinos en 1948 ou na colección de contos de tradición oral Conta paxariño conta, que vén de publicarse en castelán. Na coletánea, traducida por Pilar Salamanca, o propio Kanaana expresa o interese deste ben, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade: “O tesouro máis valioso que os palestinos expulsados dos seus fogares en 1948 puideron levar consigo ao desterro foi a chave das súas casas Esta chave non é só un obxecto físico, é, tamén, un poderoso símbolo de preservación e defensa da memoria colectiva palestina, posto que é na casa onde tradicionalmente teñen lugar todos os ritos familiares. A familia palestina nunca foi unha unidade illada, ao contrario, sempre formou parte dunha comunidade máis grande que acollía a outras familias emparentadas ou non con ela. A aldea proporcionaba un sentido á identidade dos palestinos. Todos os contos aquí recollidos proceden desas aldeas e representan as chaves da nosa memoria colectiva, confirman a nosa identidade cultural e a nosa continuidade como pobo, e seguirán vivos mentres nós non esquezamos quen somos.”

O seu traballo conta a historia e é historia. Unha historia que non conta dos roubos de libros que desapareceron coa invasión do terreo físico e cultural. Libros como os que, en febreiro de 1949, foron declarados PA (Propiedade Abandonada) e desapareceron. Libros, porén, que si se cantan nos contos que recolle Kanaana e que lle deron o Premio Palestina, da man do presidente Yasser Arafat, en 1999; un recoñecemento ao seu labor a prol do folclore mundial e do palestino en particular.

Entre as narracións orais, Sharif Kanaana recolleu chistes e anécdotas graciosas, e na película Bromas á parte, de Vanessa Rousselot repasa algunhas desas anotacións que leva anos recollendo. Así, na presentación de Conta paxariño conta, en Santiago de Compostela, Ghaleb Jaber lembrou un dos chistes que se contan no film: «Hai un palestino vello, cun só fillo, detido no cárcere israelí. Este mozo está condenado a 28 anos. O vello, non está afeito a labrar; todo o mundo lle dicía cando arar e cando facer o traballo. O pai, que non sabía facer nada, escribiu ao fillo e díxolle que non sabía que facer porque a nai facíao todo. Chegou a carta e o rapaz escribiu: “Non toques a horta. Teño cousas alí agochadas”. A censura abre as cartas e á media hora apareceron tanques ao redor da casa e moveron todo e marcharon. Entón escribiu ao fillo dicíndolle: “Apareceron os soldados e moveron Roma con Santiago, agora que fago?” O neno respondeu: “Agora podes plantar as patacas”.»

A tradición oral segue viva en Palestina, que continúa a moverse e a cantar. O conflito do seu pobo soubo adaptarse á historia e contala, ás veces, censurando a realidade, máis plasmándoa por medio de chistes e metáforas.  Sharif Kanaana é un baluarte do folclore e un contador que canta para que Palestina siga oíndose e sexa escoitada, con humor tamén.