número 22

acabo de decidir que esta noite irei mercar lagartos para trenzalos con raios de lúa. alugarei algún recuncho nunha desas estacións de trens baleiras e falarei para min mesma das mellores rifas coas que gañar unha partida de parchís. se non chego a tempo ou non me ven, entón descomporei os poemas e veremos quen os le. entre os carrís do código de barras que me tatuou nos brazos, herdaredes as claves da miña composición, violación de balbucires erguida na menstruación das manchas dunha maleta que nunca puiden desfacer, aínda nunca aluguei os sentimentos. con todo; cando marche, cando eructe a última caricia, bufarei bulirei cuspirei zarrapicarei zorregarei escornarei contra o vento no meu camiñar engurrado fuxindo dos rezos que nunca souben plaxiar nas oracións sen mapas nin compás encol das liñas da palma da man dereita. esa man asasina do solpor das miñas bágoas, ouriños de silencio cabalgando por entre os cadaleitos dun xemido rabuñando o orgasmo de rosarios en cápsula de bágoa de diferentes nacións. esa man holograma do onanismo do salitre apenas virxe enferruxando a lívido das follas secas sempre amarelas. masturbarei o ceo se é preciso e consumirei as soletas levantando as baldosas da estación facendo que forniquen unhas coas outras, ouleando coa penetración hipócrita do meu calzado. losquearei os calcañares para agradecer as cifras do billete de saída, zurcindo o espazo coa suor das cremas e ungüentos para cicatrizar; para cicatrizar as esporas dos exércitos no horizonte: armada de incólumes réptiles, indestrutibles térmites, metódicas formigas, crueis mosquitos, toda unha flota, unha mariña, un vagalume de ollos enfurecidos alimentando a salvia dunha rosa hoxe, dun caravel onte, dunha orquídea antonte, dunha ortiga un día atrás; un penedo a flor murcha dun arame enferruxado un código de barras tatuado nas miñas varices unha parede como sostén un puño como braga un cinto como amante un gargallo como bico como agarimo como piropo. e os ábacos serán a identidade da compra, os que definan as saias que han viaxar comigo e decidan dos solpores que hei frustrar cos ollos pechados, doídos de todo pecado, penitentes de fame consagrados á eucaristía do silencio frugal que habitará, dende que esta noite asoballen fiestras balcóns e peitorís as sombras da luz artificial tan invisible como Lilith cuberta de pétalos de cerdeira chorando folerpas de neve bañada en viño, protagonista dunha novela de encontros relixiosos e misticismos de bufete, co meu hálito pendurado e peneirado antes de que exerza a súa influencia sobre o que sei deletrear. por iso, nese intre apuntarei o arrecendo daquelas balas entre as impresións dactilares que me han tomar as teas que resgarei a partir de hoxe, persignando as leccións de ovíparas despedidas con sufraxios de uniforme e escapulario. reinsireime, preñareime de min mesma e parireime nunha resolución de ecuacións infinitas resoltas en filas de empregos por cubrir cos opositores brandindo as súas identidades ciceladas con laca de unllas e cecimbre para o alento humedecido polas esquinas dos pantalóns ben axustados. persuadida até o de agora, amazona domadora de tixolas tesoiras flocos de combinación braseiros toallas sobremesas sen xarope garfos mancos mantelearías sen debuxos fregonas de espátula condimentos e mesas de noite sen ganchos, este solpor cabalgarei sempre sobre as ferraduras do sur, sempre máis frío máis, chimpando as nubes axeonlladas ante min. e en canto abran as primeiras estafetas de correos enviarei as cartas que me culpan de maquillar os ollos con khol natural os brazos con calcomanías das que regalan con calquera compra as pernas con pantis de fantasías que só a min marabillan beizos con pedras de azucre aínda por abrir. e cos sobres que estorben reciclarei os remites para comezar a miña colección de insectos –emisaria do ding-dong que será a cruzada pola rendición dos sables ante tortas nupciais que sempre me fixeron golsar, mais despois de larpeiras bacanais escondéndome da comuñón dos meus corpos das miñas almas dos meus pensamentos das miñas angustias dos meus infames medos das miñas dores de corda vocal dos meus masacrados asubíos que pediron cita para unha pedicura de arquipélagos de leis toránicas covardes coa colmea que tamén hoxe, tomadas as decisións, alugarei as bágoas as humillacións os hematomas as interxeccións cun cheque en forma de aloumiño labazada cariño desafío. e venderei a epiderme que deixen virxe os vermes, inconsciente das sales que alimentaron os nosos xeranios, que tampouco foros meus, nunca.

 

(publicado en Dorna: expresión poética galega, Nº. 34, 2010 , páx. 76-77)