Transnistria, un país inexistente

 

A caída da Unión Soviética significou a fin dunha época e a desaparición paulatina de paisaxes repletas de imaxinería comunista. Porén, aínda sobrevive un país, herdeiro de todo esa iconografía soviética, que conserva estatuas de Lenin, rúas con nomes propios comunistas, cenotafios ao soldado descoñecido, imaxes de estrelas vermellas con fouces e martelos cruzados, así como o Exército Vermello e o Soviet Supremo. É Transnistria: unha faixa de terra entre o río Dniester e a fronteira moldavo-ucraína, e do tamaño da provincia de Pontevedra.

 

Stalin adscribiu Transnistria a Moldavia en 1940 e tras o colapso da URSS, en 1990, os grupos separatistas pro-rusos, temendo a posible unión de Moldavia con Romanía, declararon a independencia unilateral da República Moldava de Pridnestrovia, Transnistria. Isto provocou un enfrontamento armado na zona e rematou nun armisticio, en 1992, amais dunha independencia de facto, non recoñecida internacionalmente, agás por Nagorno Karabaj, Abjazia e Osetia do Sur.

 

Dende a década dos 90 o conflito transnistrio permanece nun impase internacional que lles permite continuar a vivir nunha especie de illa independente, ancorada ao auxilio do continente ruso. De feito, os rumores apuntan a que os seus beneficios veñen da venta de armamento e que o país non é máis que un monicreque de Rusia. O que si son certos son os lazos de unión entre ambas partes e a representación consular na rexión, sen que iso sirva como recoñecemento á independencia da entidade separatista. Así o afirma o Ministro de Asuntos Exteriores ruso, Serghey Lavrov, quen ve no asunto un achegamento á poboación rusa que vive en Moldavia, maiormente en Transnistria.

 

Pridnestrovia, que significa a beiras do Dniester, ten máis de medio millón de habitantes; case a metade deles en Tiraspol, a capital. Os moldavos e os rusos son os grupos étnicos maioritarios, e a igrexa ortodoxa católica a fe máis profesada. Todo parece homoxéneo, como o verdor dos seus viñedos, o agrisado dos edificios sen adornar que poboan as cidades ou os billetes de rublos transnistrios. Porén, xunto a esa unidade conviven diversas peculiaridades, como toda a parafernalia marxista-leninista, nun país que se declara capitalista, ou os cadeados pendurados nos balaústres da ponte que cruza o río e que serven de mostra de amor entre parellas acabadas de casar.

 

Dacabalo entre o capitalismo da Rusia pro-comunista e a democracia europeizante de Moldavia, o país transita entre intereses políticos e de poder. A presunta indiferenza europea na cuestión tradúcese en termos de estabilidade; con todo, ese suposto equilibrio fai que a sociedade moldava se asente e non estea disposta a conceder nada que poida ir no seu detrimento, é dicir: que os afaste da anhelada integración na Unión Europea. E nese terreo móvense os moldavos, tratando de recuperar a totalidade da zona, anunciando a posible pertenza a un grupo máis próspero e democrático. Mentres, da beira rusa expídense pasaportes para xustificar así a intromisión no tema, sen negar o seu interese pola integración de Transnistria en Moldavia e conseguir deste xeito ampliar a área de influencia.

 

O feito de non haber marcas internacionais non se debe a un acto de resistencia contra o capitalismo occidental, senón ás restricións da ONU, que limitan o investimento na república. Así a todo, a Unión Europea é o maior socio comercial transnistrio, malia carecer dunha folla de ruta e das estratexias que si posúe Rusia, quen aporta o 80% dos orzamentos do estado, amais de gas e unha dependencia directa que permite ver a muralla fronteiriza natural que é este bastión soviético.

 

Os transnistrios defenden o seu multiculturalismo co feito de manteren tres linguas oficiais: o ruso, o ucraíno e o moldavo. Con todo, o uso do moldavo e do alfabeto latino están asociados aos movementos en defensa da unidade, e a pugna por diferenciarse dos veciños evidénciase nos nomes soviéticos das rúas, inzadas de estatuas de líderes pasados, así como na economía que, malia a súa subordinación, posúe un banco central propio, que expide unha moeda única: o rublo transnistrio, só intercambiable dentro do territorio separatista.

 

A economía baséase na agricultura, a electricidade e a industria téxtil; case todo en mans privadas. Apenas tres empresarios teñen o monopolio do país; un deles é Yevgeny Shevchuk, o actual presidente, que predica un afastamento de Rusia, e que controla unha das empresas máis grandes: Sheriff. Esta posúe estacións de gasolina, supermercados, unha compañía de telefonía móbil, unha construtora, unha editora, un canal de televisión e incluso un equipo de fútbol, o FC Sheriff Tiraspol, un símbolo máis do lugar.

 

Kvint, acrónimo ruso de “coñacs, viños e bebidas de Tiraspol”, é unha das empresas máis sobranceiras e icona da Transnistria independente. A fábrica destila uns dez millóns de litros de alcohol e aparece no billete de 5 rublos transnistrios. Creada en 1897 é un dos atractivos turísticos do país, onde as especulacións sobre o perigo ou a carencia de atractivos conforman o imaxinario exterior.

 

Todo turista que pense quedar máis de 24 horas en Transnistria ten que rexistrarse, ao entrar, na policía local. O único destino posible é Tiraspol, a onde se pode acceder por tren, dende Ucraína, ou en autobús, dende Moldavia. Unha vez na capital, o servizo de autobuses e marshutas (taxis compartidos) permiten achegarse ás diferentes partes da faixa, para a que se necesita tempo, debido ás malas comunicacións. Pero Tiraspol ofrece o mellor para o visitante e unha ampla idea do que é o rural transnistrio.

 

Tiraspol é unha cidade tranquila e a presenza militar apenas se observa nas estatuas e nas dúas celebracións oficiais anuais: o 2 de setembro, día da independencia, e o 9 de maio, día da vitoria. O resto do ano, a vida transcorre con calma aínda que un certo halo castrense está sempre presente, sobre todo na avenida principal, a 25 de outubro. Aí amoréanse datos históricos coas súas representacións: o edificio do Soviet Supremo, o parlamento, presidido por unha estatua de Lenin; o monumento á nai chorando, co nome das vítimas e dos soldados caídos no conflito con Moldavia entre 1990 e 1992; a efixie ao soldado de Afganistán, en memoria aos máis de 15000 soldados da URSS que participaron na guerra de 1979-1989; a pequena igrexa de San Xurxo, gardián dos soldados e que mata ao dragón mentres os outros matan os inimigos; o tanque número 34, mirando cara a Alemaña nazi e traído da Gran Guerra Patriótica (a Segunda Guerra Mundial); a estatua ecuestre de Alexander Suvorov, considerado un dos poucos xenerais que nunca perdeu unha batalla e fundador da cidade; o busto de Nikolay Zelinsky, inventor da máscara de gas; amais dun xardín e un paseo a beiras do río, con areais que se enchen durante o verán, e restaurantes e discos que dan fe da vida nocturna.

 

A Universidade estatal funciona como museo vivo de Transnistria alén de institución educativa. Fundada en 1930, conta máis de 10000 estudantes que se especializan en preto de 80 graos diferentes, seguindo os currículos rusos. Das súas paredes penduran a bandeira e o escudo, símbolos da industria e da agricultura local; o himno nacional, nos tres idiomas oficiais; así como fotos e cadros. Ao seu carón está o teatro e un busto de Iuri Gagarin, primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior e heroe da Unión Soviética.

 

Pridnestrovia, como prefiren chamarlle os seus habitantes, e non coa nomenclatura occidental, o país a beiras do río Dniester, é un graffiti cicelado con extractos de crónicas e efemérides. No límite entre o pasado bélico europeo máis próximo e o capitalismo máis ostentoso, esta nación sen estado oficial permite ser recoñecida nun capítulo enciclopédico propio dos dous últimos séculos e un paraíso para a comprensión da historia.

(Tempos Novos, decembro de 2013, páx. 57-59)