Barbeiros e barreiras

Os campos de refuxiados foron construídos de xeito temporal para albergar familias de paso; con todo, os campos palestinos seguen a crecer en tempo e espazo. A Axencia da Nacións Unidas para os Refuxiados, a UNRWA, ten rexistrados uns 5 millóns de refuxiados en Líbano, Siria, Xordania, Gaza e Cisxordania. Dende entón, illados de aldeas e cidades, os campos convertéronse en cidades e aldeas en si mesmas.

Xente que chegara en masa en 1948 e 1967 asentouse nesas terras, das que, unha vez máis, volveron ser expulsados. Medio millón de refuxiados palestinos vivían en Siria ata o estoupido do conflito, en 2011. Malia teren dereitos como cidadáns, nunca puideron optar a pasaportes sirios e só a tarxetas de residencia non recoñecidas máis alá das súas fronteiras. De aí que, dobremente desterrados e refuxiados, a situación empeorou aínda máis.

Mentres Yarmuk, en Siria, segue a ser un lamento, sempre máis fácil de expresar cá un feito, nos máis novos aséntanse ideas para poder subsistir e facer da realidade un acto. O campo de Zaatari, en Xordania, converteuse enseguida no segundo máis grande do mundo e no cuarto núcleo de poboación de Xordania. Unhas 160.000 persoas viven entre rúas improvisadas xa bautizadas, como os Campos Elisios, a arteria principal do lugar, colexios, campos de fútbol e hospitais.

Zaatari estableceuse en xullo de 2012 a 15 quilómetros da fronteira siria. A idea inicial era acoller 6000 persoas, mais cada día chegaban preto de 2000, e pronto creceu e decreceu por momentos, ante un proxecto tan vasto. O director de cine Faisal Attrache gravou a vida no campo nun documental onde narra, a través dos refuxiados, o que é o día a día. E para iso, os protagonistas son os barbeiros, pois, como el mesmo apunta: “non importa que mala é a situación, a xente sempre necesitará alguén que lle corte o pelo”. Como di un dos barbeiros: “Os cortes de pelo son unha parte fundamental da vida. É básico. Aínda que o deixes crecer, finalmente necesitas cortar o pelo. Cambias de aspecto. Despois de cortárllelo pelo, e ver como sae feliz e contento, sénteste ben como barbeiro, cambias a imaxe dunha persoa. Creas lazos e coñeces a moita xente.”

A extensión e a fama do campo fixo que pronto se convertese nun centro asediado por xornalistas ávidos de fotos veloces e comentarios rápidos; informadores conformes con cubrir pantallas e follas con imaxes que permitían lecturas solitarias dende calquera lugar do mundo. Faisal Attrache chegou a Zaatari no medio dese rodopío de cámaras; coa intención de mirar, ver, oír e escoitar, para coñecer e saber, e para que o mundo abrise os ollos á realidade do sitio. Para facer dun conflito impersoal, asolagado nun proceso deshumanizado, un conflito con nomes de persoas.

Benvidos sen cita previa: historias de barbeiros refuxiados sirios (Walk-Ins Welcome: Stories of Syrian Refugee Barbers) é unha crónica da xente de Zaatari, dos sirios, dos refuxiados, das guerras, dos esquecidos: as persoas.

http://refugeebarbers.com/Home.html

http://www.youtube.com/watch?v=oPsiH22M-VA#t=1053