Entroido en Xendive

En Galicia as tradicións cristiáns xa hai séculos que se mesturaron coas pagás, e unha mostra diso é o Entroido, unha festa que dá entrada á Coresma e á primavera. Estudosos como Vicente Risco, compañeiro do Losada Diéguez de Boborás, falaban dunha orixe prehistórica composta de ritos sagrados e asociacións secretas primitivas. De alí, dos lindes de Boborás, son os Entroidos máis sobranceiros.

O triángulo Laza, Verín, Xinzo, coas súas morenas, os seus cigarróns e peliqueiros, amais das pantallas, compiten cos felos de Maceda; as tamborradas e a mula de Viana; os folións e boteiros de Vilariño e Viana; a mázcara de Manzaneda; os vellaróns de Riós; os vergalleiros de Sarreaus; os troteiros de Bande; as charrúas de Allariz; os murrieros de Teixeira; o oso, o toro e o xigante do Bolo; as bonitas de Cartelle; as abutardas de Sande; as gárgolas de Celanova; as mascaradas de Maside; os bobos e pallasos de Beariz; os irrios de Castro Caldelas; os borralleiros de Cortegada; a vacaloura do Barco de Valdeorras; os galanes e madamitas de Entrimo; os labardeiros e as señoritas de Mugares; a pita de Eiroás; e as corozas, os felos e os rodos de Boborás.

En Boborás, cada parroquia tivo sempre o seu xeito de celebrar o Entroido. Nin a prohibición franquista foi quen de aniquilar a tradición, na que nunca se perderon os festexos nin as xuntanzas arredor da cachucha o Domingo de Entroido, o lacón o Martes, e as torradas con rodas de pan de Cea para todas as sobremesas deses días.

Sen adornos excesivos, os felos son personaxes que levan a cara pintada e vestidos vistosos feitos con colchas que cobren o chapeu, feito con follas de calendarios e fitas de cores. Os felos zoscaban con varas a quen se lles puña polo camiño e, nalgún tempo, ían montados en cabalos tamén engalanados para a ocasión. As corozas son os chuvasqueiros que antes usaban os campesiños para resgardarse da choiva e os rodos son figuras que, en Pazos de Arenteiro, pegan contra o chan para co seu ruído espertar os veciños do lugar.

En Xendive, onde xa non hai gardas civís facendo “a ruta”, o Entroido é unha ocasión para disfrazarse e xuntar veciños con ganas de xolda, lembrando, por exemplo, cando José de Benito dos Fusos e o señor Manuel se disfrazaron. Contan que o señor Manuel ía co fouciño, coller nos toxos, e díxolle o outro: “Por un día que non traballes, tamén…” E foron disfrazarse, aínda que non era Martes de Entroido, que ese día non se traballaba. E vestíronse de muller, cos beizos vermellos e coloretes, e a cara tapada cun pano. E todos riron no lugar; até a chegada da garda civil. Daquela escondéronse e os gardas foron preguntar onda o cura, que, ao velos, díxolles: “Pero… inda usté tamén. Usté tamén con iso.” E respondeu o señor Manuel: “Se queira unha vez”. E unha vez máis, e seica non será a última, esta fin de semana volveu haber curas que non son tal, mulleres que tampouco o son, porcos a dúas patas e moito meigallo e alegría, para dar así comezo ao Entroido do 2014.

http://www.youtube.com/watch?v=ZC4Zg5rC0Yo&feature=youtu.be

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Palestina no mundial de fútbol

A selección palestina de fútbol, fundada en 1928, entrou na FIFA un ano despois. Reformulouse tras a segunda guerra mundial e non volveu acceder á FIFA até o ano 1998. Dende aquela tratou de cualificarse para un Mundial, pero os resultados deportivos, sumados ás dificultades e restricións de movemento, imposibilitaron, até o de agora, a súa participación. Con todo, o mundial de Brasil parecía ser o lugar para ver a Palestina nun gran estadio de fútbol.

O fútbol ocupa parte do día a día dos palestinos. A Liga palestina aínda non ten tantos seareiros como a que suscita a española, nin provoca festas nin manifestacións de bandeiras cando se enfrontan os equipos máis fortes. As pantallas xigantes en cafés, cines e en prazas públicas só levantan a tela cos “clásicos” e as finais das competicións internacionais. Hai afección, mais falta internacionalización do produto nacional. Por iso, cando un palestino logra pasar as súas fronteiras, as pantallas volven erguerse, as rúas énchense novamente e máis bandeiras palestinas ondean por todo o lugar.

O ano pasado, cando Mohammad Assaf gañou o concurso “Arab Idol”, a súa voz ecoou en todo o mundo árabe e incluso traspasou esas fronteiras. Declarárono embaixador rexional xuvenil da UNRWA e o presidente da FIFA propúxolle cantar na cerimonia de inauguración do Mundial de fútbol de Brasil. Pero parece ser que as súas cancións non foron do gusto de todos, e tampouco as súas ideas a favor da fin da ocupación israelí.

A finais do ano pasado, o primeiro ministro israelí, Bibi Netaniahu, laiábase, nunha carta enviada ao secretario de estado estadounidense, John Kerry, do odio co que son criados os palestinos: “En vez de educar as seguintes xeracións de palestinos a vivir en paz con Israel, esta educación do odio envelénaos contra Israel e asenta o camiño cara a un continuo estado de violencia, terror e conflito.” Nese mesmo correo engadía un enlace a unha canción de Mohammad Assaf na que nomea diferentes cidades israelís como pertencentes a Palestina. Así parece ser que o palestino non estará no Mundial de fútbol, malia os anuncios iniciais, que o levaban a cantar con Shakira.

http://www.youtube.com/watch?v=1sUQ7eyL-Aw#t=389

 

 http://www.youtube.com/watch?v=1sUQ7eyL-Aw#t=389

http://www.atlantico.net/noticia/267797/monchoiglesias/

MONCHO IGLESIAS

“O muro de palestina cumpríu dez anos e xa forma parte da realidade do país”

Profesor, lingüista e poeta, falou sobre Palestina
ANA BAENA. VIGO ABAENA@ATLANTICO.NET – 01-02-2014

Moncho Iglesias (Vigo, 1974) impartíu onte unha conferencia na librería Andel sobre “Os valados de Palestina”. Filólogo e poeta, imparte clase na universidade de Nablus, en Cisxordania. Obrigado a abandonar Palestina, pasa unha tempada na súa cidade natal se data concreta de retorno. Mantén as vivenzas moi presentes, experiencias que onte compartíu con Atlántico.

Moncho Iglesias, momentos antes da súa charla.

Moncho Iglesias, momentos antes da súa charla.



A que valados se refire: os físicos ou os mentais?

Sobre todo os físicos porque eles son os que fan que existan tamén os mentais. O muro crea segregación e marcan as zonas polas que pasa e as que divide.


A que zonas afecta máis?

Hai de todo. En Bilin, un pobo agrario, colleron case o 70% das terras de cultivo, separaron definitivamente Belén de Xerusalén. Tamén Nablus está afectado porque está rodeado de asentamentos. Aínda que sen dúbida, Xerusalén foi a máis afectada porque está todo cortado, modificado e divido.


É comparable o acontecido en Alemaña?

En Alemaña non erea tan grande, nen tan alta, aínda que eu prefiro non facer comparacións, porque son situacións diferentes.


Non embargante, a presión mediático non é a mesma que co muro de Berlín.

Palestina de por si é moi mediática, a súa presenza é constante, todo o mundo está pendente do que acontece alí. O muro cumplíu dez anos e xa forma parte de esa realidade.


Os residentes poden cambiar de enderezo cando quieran ou están vencellados ao terreno?

Houbo familias que si puideron mudarse, pero outras non. O muro dividíu barrios e ata casa, hai familias separadas por unha fronteira física.


Cómo o viven os xudeos?

Eles non o ven. Pasa exclusivamente polos territorios palestinos. Para os israelitas é unha realidade moi lonxana. Só lles afecta aos que van traballar alí.n