Boteiros de Viana do Bolo

 

Viana do Bolo está nos límites de Galicia; un lugar rodeado de montes que agochan ríos e onde o Entroido comeza a prepararse co remate do Nadal. Daquela prepáranse os disfraces e carrozas, e as fins de semana os veciños pasean as aldeas tocando o fulión, avisando que o Entroido está a chegar.

 

Dous xoves antes do domingo de Entroido festéxase o Xoves de compadres. Un día antes, as mozas perseguen os mozos para roubarlles unha prenda e colocarlla a un boneco, o Lardeiro, que se pendura na Praza Maior. O mércores da semana seguinte, son os mozos quen rouban unha prenda ás mozas para colocarlla a unha boneca, a Lardeira. Esa noite, as mulleres saen disfrazadas e organizan unha cea.

 

O día grande do Entroido vianés é o Domingo, no que se degusta a androlla, un embutido feito de tripa gorda afumada, e chea de costela de porco, carne, sal, pemento doce e picante, e allo. As rúas énchense de carrozas e fulións, que poñen música ao lugar cos seus enormes bombos, sachos, gadañas e outros apeiros de labranza, amais dunha mula e un maragato, e as máscaras típicas: o boteiro.

 

O traxe do boteiro ten máis de mil metros de cintas de cores e destaca xunto coa máscara, de varios quilos e de até un metro de longa, tallada en madeira e cun sorriso burlón. Enriba da máscara, unha pantalla de metal cuberta de cintas de cores remata o disfraz. Así vestidos, os boteiros pasean as rúas da vila, abríndose paso cunha monca, unha vara rematada nunha borla e que  axuda a brincar.

Vídeos de boteiros e fulións:

http://www.youtube.com/watch?v=VwOf7vyQ_04&feature=youtu.be

http://www.youtube.com/watch?v=CiMmENPd2Zg&feature=youtu.be

http://www.youtube.com/watch?v=UhFoR8y27Qs&feature=youtu.be