Pantallas de Xinzo de Limia

 

 

En Xinzo de Limia celébrase o Entroido máis sobranceiro do triángulo ourensán (Laza, Verín e o propio Xinzo). Aquí, o personaxe principal é a pantalla, encargada de establecer a orde durante o Entroido; é dicir: comprobar que toda a xente está disfrazada e quen non o estea, que pague unha rolda de viños.

As pantallas percorren as rúas de Xinzo batendo unhas vexigas de vaca contra outras e facendo soar unhas campás que levan á cintura, correndo e saltando mentres berran. O nome vén da careta sorrinte, feita de cartón e da que sae, pola parte de atrás, un corno decorado con motivos astrais ou de animais. Amais, visten un calzón longo e unha camisa branca, unhas polainas negras e unha faixa encarnada; do lombo cáelles unha capa encarnada ou negra con cintas de cores e no pescozo un pano.

Segundo a tradición, as pantallas só saen de día e non poden quitarse a máscara. Saen por primeira vez o domingo Corredoiro, aínda que a festa xa comeza o domingo Fareleiro e logo o domingo Oleiro. No primeiro domingo hai unha batalla de fariña e no seguinte lánzanse olas de barro. O martes saen os desfiles e despois, o mércores de cinza celébrase o enterro da sardiña, terminando o ciclo o domingo de piñata.

http://www.youtube.com/watch?v=4Lts3xq6AtE&feature=youtu.be