As formigas de Laza

 

Laza, unha parroquia de menos de 1000 habitantes, no Sueste ourensán, convértese, co Entroido, nunha das capitais da festa, que comeza co ano e remata coa Coresma. Contan que o Entroido de Laza é un dos máis antigos e o de máis duración; amais dun evento cheo de orixinalidade e diversión.

 

O ciclo do Entroido comeza o primeiro de ano, cando os mozos saen á rúa facendo soar os chocos, adestrando para a súa estrea como peliqueiros e anunciando a proximidade da festa. Dende ese día xa se ven máscaras e maragatos petando nas portas dos veciños, e os venres saen os folións, alumeando co seu lume as rúas da aldea até o chegar o día do gran folión. Esa noite a aldea queda prendida pola luz dos fachos, que tratan de purificar as terras e afastar así os malos espíritos.

 

A tarde do sábado de Entroido a xente xúntase no centro do lugar, a Picota, para botárense fariña uns a outros. A xolda continúa até a mañá, na que saen por primeira vez os peliqueiros, cuns traxes compostos de chocos e caretas de orixe celta ou prehistórica. Estes, os peliqueiros, son os protagonistas do Entroido de Laza. Amais do traxe, composto de zapatos negros, medias, pantalón curto, faixa, cinto, tirantes, camisa, gravata e chaqueta, levan unha careta, feita de madeira, e unha mitra, da que lles sae unha pelica (de aí o nome), e unha zamarra, coa que zorregan as quen se lles cruza. Xa pola tarde saen as carrozas, que son carros adornados con verzas e xestas, representando algún feito dun xeito burlesco.

 

Un dos días máis grandes da festa de Laza é o luns. Pola mañá hai unha batalla de farrapos enchoupados en barro e, talvez seguindo a orixe da tradición, na abundante bosta que antes do asfalto enchía a aldea. Xa de tarde, a Picota vólvese encher na espera das formigas e da Morena dende a cima da vila.

 

A Morena é un mozo tapado cunha manta e coa cabeza dunha vaca feita de madeira. Entra na Picota tratando de levantarlle a saia ás mulleres, mentres a comitiva que a acompaña bate con toxos na xente. Amais destes, outros levan sacos con formigas vivas que botan á xente, e tras deles entra a máquina limpadora que enche de fariña o lugar, e paséase unha formiga xigante entre o xentío. Con toda a praza tinguida de fariña, entra un último carro, repartindo cachuchas e acompañando a música.

 

O martes de Entroido é o máis familiar. Saen á rúa os peliqueiros máis vellos e á tardiña lese o testamento. O testamenteiro narra os acontecementos máis sobranceiros do lugar dende o ano anterior e fai un repaso burlesco a temas políticos e sociais, nun discurso no que reparte as partes do burro entre os nomeados no seu testamento.

 

-Vídeos do Entroido de Laza:

http://www.youtube.com/watch?v=ESZGeL-cWgc

http://www.youtube.com/watch?v=P6t9WnmQX-U

http://www.youtube.com/watch?v=MT033QeWUoo