Mírame, Luísa Villalta

Mírame

pero non te empalmes demasiado antes de pagar.

Aquí vai por adiantado ou o patrón non te deixa subir.

Se eu escapo non se perde cousa de ren,

o patrón dache outra e que máis dá.

Pero se liscas ti despois de ocuparte

sairánselle ao xefe os ollos do fígado

como cans adestrados detrás túa

afeitos como están á sombra peideira dos clientes cabróns

mostrándoche os dentes do seu orgullo de macho

e non serás ninguén xa de por vida na tropa da xente,

vivirás no temor cada vez que se che levante a pirola

namais que sexa para mexar aos trompicóns

e un día morrerás crendo que o patrón finalmente

veu para che cobrar os réditos dos collóns

e por foder nen saberás foder xa como hai que fodela

á outra, a vella dama cruel que nunca se escapa

cando veña e se abra de pernas

para levarte consigo.