Rafeef Ziadah, poeta palestina

Rafeef Ziadah, que pertence á terceira xeración de refuxiados palestinos, é unha artista da palabra activa. A súa poesía merece escoitarse saída desa voz suave e irada que Ken Loach loou, dicindo que “é poderosa, emocional e política”, invitando a lela e a oíla. Amais de recitar e amosarlle ao mundo que os palestinos aprenden a vivir e desa aprendizaxe sacan o sentido para aprenderlle a outros quen son, Rafeef voa papaventos coas súas palabras. No seu primeiro disco, dedicado ás crianzas que xogan nas aldeas da súa Palestina, onde os nomes dos lugares permanecen na memoria, Rafeef dá voz ás imaxes do seu pasado e mesmo do seu futuro.

Co seu corpo, a poeta non só axusta as palabras, senón tamén visualiza a imaxe doutros que, cos seus corpos, son masacres televisados. Ela; morena, muller, palestina, poeta, herda as palabras de Darwix pedindo desculpas polos seus enfados; mais non pregunta, exclama. Exclama e berra que será ela, tamén, quen escriba sobre a ira e sobre a fame, e sobre a sede que provocan as palabras amoreadas nos areais do silencio.

http://www.youtube.com/watch?v=ZvPCe45PsDo&feature=youtube_gdata