Exposición fotográfica Palestina: do Día da Terra (30 de marzo) á Nakba (15 de maio)

O 30 de marzo celébrase o Día da terra e o 15 de maio a Nakba. O primeiro reivindica a expropiación de terras a árabes na Galilea de 1976; un feito que provocou protestas e confrontacións nas que morreron seis palestinos, centos resultaron feridos e milleiros doutros remataron no cárcere. O día da Nakba é o día da catástrofe; o día despois á declaración de independencia do estado de Israel e que provocou que uns 700.000 palestinos tivesen que abandonar os seus fogares.

Entre o 30 de marzo e o 15 de maio, a Libraría Andel, en Vigo, expón fotografías de Palestina.

Bil’in é unha aldea que resiste a súa existencia coa posta de sol escondéndose entre os edificios dun asentamento que limita con arames, muro e estradas que separan o lugar das súas terras. Durante anos, como reflectiu Emad Burnat en Cinco cámaras rotas, as escavadoras e os guindastres toparon semanalmente con veciños que protestaban contra o seu asolamento, converténdose así Bil’in nun símbolo da loita non violenta contra o muro.

Abu Diss está separada de Xerusalén por un muro que serve de espectador de partidos de fútbol afeccionado e onde as pancartas dos equipos son berros triunfais a favor de de seareiros humanos sen formigón.

Nun cumio, o rei Herodes construíu un palacio-fortaleza como homenaxe a si mesmo: Herodión. Os restos atópanse en área C, coma o 62% de Cisxordania, baixo control israelí. Amais dunha base militar e de asentamentos israelís, a aldea de Za’tara linda co lugar; unha aldea dende onde se divisa o deserto e, en días de poucas nubes, o Mar Morto e Xordania.

En abril de 2002 o campo de refuxiados de Yenín quedou asolagado durante un bélico mes no que morreron 52 palestinos e 24 israelís. Un ano despois, Juliano Mer-Jamis dirixía un documental, Os nenos de Arna, no que contaba o traballo da súa nai, nos 80, creando un teatro para crianzas en Yenín. Durante a filmación, o director descubriu que algúns dos nenos que participaran na construción do teatro se converteran en milicianos e morreran. En 2006, Mer-Jamis logrou abrir un teatro comunitario, o Teatro da Liberdade, que segue en pé, malia a morte do seu director, asasinado ás portas do teatro o 4 de abril de 2011.

En abril 2007, o artista francés JR pendurou pósteres de 2 metros de longo coas caras riseiras que fotografou en distintos palestinos e israelís. O proxecto, “Face2Face” (“caraAcara”), pretendía unir sorrisos no muro, como en Belén, separado de Xerusalén por unha muralla de formigón que serve, ás veces, de lenzo para expresar berros diversos.

En abril de 2007 inaugurouse o estadio internacional de fútbol de Al-Khader, preto de Belén.

 

Leila Khaled naceu en Haifa o 9 de abril de 1944. En 1948 fuxiu a Líbano e aos 15 anos enrolouse no Movemento Nacionalista Árabe. A rama palestina do movemento converteríase logo na Fronte Popular para a Liberación de Palestina, da que forma parte. A súa implicación levouna a participar, en 1969, no secuestro dun avión de pasaxeiros da liña Los Ángeles-Tel Aviv, durante a escala en Roma. Despois de desviar o avión cara a Damasco, liberáronse os 116 pasaxeiros e voouse o avión. As fotos de Leila Khaled, cun rifle e unha kuffieh, percorreron o mundo e por iso se someteu a varias cirurxías, para ocultar a súa identidade e así poder participar en futuros secuestros e non levar o rostro dunha icona.

Abril significa primavera e verdor. As flores agroman en Palestina e as árbores énchense cos seus froitos, como a amendoeira, que despois das flores brancas de febreiro dá améndoas, que se venden e consomen verdes en abril.

 

O 10 de abril de 1948, Jacques Rinior, delegado da Cruz Vermella Internacional en Palestina, dixo recibir unha chamada telefónica de socorro dun árabe: “A voz requiría a miña presenza inmediata no poboado árabe de Deir Yasin, situado a poucos quilómetros da cidade de Xerusalén. O meu comunicante informaba que todos os habitantes de dita aldea foran aniquilados”.

 

“Todo o mundo ten dereito á liberdade de movemento, mais non todos teñen esa opción. As restricións de movemento son un dos desafíos máis grandes para a xente palestina que vive baixo a ocupación. Os palestinos non poden moverse libremente nas estradas ou dunha cidade a outra”.

O 11 de abril celébrase o Maratón de Belén, coa intención de moverse e mover cousas; unha idea que comparte Wurud Sawalha, atleta palestina, e abandeirada nas Olimpíadas de Londres.

No val de Artás, entre leitugas famosas en toda Palestina, que o día 12 festexan o Festival da Leituga de Artás, creceu o Convento Hortus Conclusus alá polo 1901. Entre Belén e as piscinas de Salomón, rodeado de montañas de oliveiras, o convento rememora as visitas de Salomón ao lugar, recollidas no “Cantar dos Cantares”.

O 13 de abril celébrase a Pascua samaritana. Os samaritanos son unha comunidade que na actualidade non chega a 800 membros, mais que contou con máis dun millón no período romano. As guerras provocaron unha diminución drástica que, porén, non acabou coas tradicións. O día do Sacrificio, os homes do lugar, no Monte Gerizim, saen das súas casas con cordeiros que logo serán sacrificados. Toda a comunidade se congrega arredor do centro da aldea, onde están sempre dispostos os fornos escavados na terra e onde, despois das oracións do sacerdote maior, se sacrifican os animais. Tras varias horas, a comunidade samaritana comparte a comida con cánticos e oracións, lembrando o mandamento escrito no Éxodo.

O 14 de abril de 1948 rematou o mandato británico en Palestina. Dito mandato outorgáballe ao goberno británico a parte sur da Siria otomá dende 1923 até 1948. Aínda hoxe en día poden verse mostras dese período, como caixas de correos en Nablus, inexistentes na actualidade.

En 1936 a poboación xudía en Palestina aumentou considerablemente debido ao incremento do antisemitismo en Europa e ás restricións migratorias de Estados Unidos. A tensión creceu e o 15 de abril dese ano convocouse unha folga xeral que urxía a desobediencia civil, a negativa ao pago de impostos e o cese da inmigración xudía. O asasinato dun xudeu preto de Nablus fixo que comezase “a gran revolta”, que enfrontou as forzas británicas, que apoiaron á axencia xudía, a Haganá, e a poboación árabe.