Semana Santa en Paradela, Meis

Paradela é unha parroquia de pouco máis de 900 habitantes, no municipio de Meis. Todos eles parecen xuntarse para a Pascua para ver os máis de 150 veciños que participan nos actos que dan vida aos últimos días de Xesús Cristo. Engalados de época, con vasoiras sobre cascos de obra que imitan fielmente os dos romanos, e vestimentas que achegan o imaxinario ás pasaxes bíblicas, Paradela vive a Semana Santa representándoa.

O domingo de ramos entra Xesús en burra, na aldea, acompañado polos apóstolos e os fieis até a igrexa. O xoves represéntase a última cea, o xuízo, o lavatorio de pés e a oración no Monte das Oliveiras, nuns escenarios que aproveitan o que a aldea ten e adornado para parecer a última cea ou o xuízo do día despois. O venres percórrense as últimas horas da vida de Xesús cun Vía Crucis que percorre a aldea até o Monte da Croa, o Gólgota do lugar, e que remata co descendemento de Xesús da cruz. Por último, o domingo significa a festa da resurrección.

Os detalles están coidados e os diálogos ben encetados coa narración, en galego, e os silencios e as actuacións. A fidelidade é tal que até o aforcamento de Xudas consegue transportar a idea á propia Xerusalén, grazas a un Iscariote pendurado do campanario da Igrexa que no acto parece a árbore na que aforcou o seu arrepentimento. O Cristo, sosegado, lembra as palabras de Xesús nos Evanxeos e reflicte a súa dor e sentimentos até o último momento.

A orixe da tradición remóntase ao século XVIII, coa adquisición dunha talla de Xesús, aínda que crese que xa de antes se celebraba a representación. Nun principio a pasaxe representábase dentro da igrexa e xa a comezos do XX comeza a facerse ao aire libre, aumentando as escenas e o carácter relixioso e teatral do evento, declarado de Interese Turístico Autonómico.