Achegamento Fatah-Hamás

Só uns minutos bastaron para que os ataques mediáticos israelís invadisen a información contra o terrorismo e a violencia. As redes sociais entraron na batalla de inmediato e de aí saíron declaracións apocalípticas como as de Ofir Gendelman, coordinador de prensa do primeiro ministro Netaniahu, que nun chío asegurou que Israel podería machucar tanto a Fatah como a Hamás se quixer. O acordo de reconciliación entre Fatah e Hamás foi o culpable da ira israelí, que coa división de forzas parecía ter basculado e guiado o problema palestino.

Do lado palestino existen dúbidas sobre a posta en marcha dun proceso que parece unha estratexia para dar credibilidade a dúas faccións debilitadas, e responsables da división na sociedade e dos danos causados contra a liberación nacional. A separación xeográfica de poderes só serviu para cimentar a opresión, facilitar a represión e liberar a Israel de calquera acto de axuizamento. Por iso é dende o lado israelí dende onde máis preocupa unha unión no planificada por eles e que rompe os esquemas dunha ruta sempre deliñada polos seus gobernos.

Ambas respostas eran predicibles: do lado palestino asentouse unha política do medo e do silencio que permitiu ordenar o seu territorio con facilidade, mudar eses hábitos non é doado; do lado israelí sempre se estivo á procura de aliados entre o inimigo, e os malentendidos entre aqueles observáronse dende fóra, obtendo así coartadas caladas coas que lexitimar as súas posturas. Con todo, malia as críticas israelís aos posibles acordos entre palestinos, non é seguro quen gaña máis nestas conversas; mais si queda claro que busca cadaquén.

Nos últimos cinco anos do goberno de Netaniahu, que critica o achegamento de Fatah a Hamás como un impedimento para a paz, negociou co último máis que co primeiro. En 2011 Netaniahu acordou con Hamás a liberación do soldado Gilad Xalit, en 2012 aceptou o cese de hostilidades que rematou coa Operación Columna de Defensa; e mentres rompía as negociacións coa Autoridade Palestina por mor da liberación de 14 prisioneiros, barallaba con Hamás a posibilidade de liberar 1000.

Israel criticou a Abbas por non ser quen de controlar Gaza e agora fai o propio por un achegamento que parece favorecer os intereses de lexitimidade de Israel dentro das fronteiras de 1967. Mais, a decisión vén de fóra e non parece benvida a idea de que Hamás se una á OLP, recoñecendo daquela o estado de Israel e os acordos de Oslo. Que Hamás continúe a formar parte das listas de organizacións terroristas en Estados Unidos e Europa vale para proclamar autodefensas; que saia desas columnas provocaría un cambio de posturas e talvez novos acordos e rutas. De calquera xeito, un só movemento cara ao achegamento xa ten convocado iras varias, así que dependendo da súa continuidade así serán os cambios.

 

image

 

 

image