Exposición fotográfica. “Palestina: do Día da Terra (30 de marzo) á Nakba (15 de maio)”, na Libraría Andel de Vigo

A Pascua xudía celebra a liberación do pobo xudeu da escravitude en Exipto. Como en cada festexo, Cisxordania permanece en toque de queda e Hebrón máis dividida. Dende 1997 a cidade está separada por zonas de control palestino e israelí, que vixía a dividida cidade vella, onde está a dividida mesquita de Ibrahim: metade sinagoga, metade mesquita, e que durante os dous primeiros días da Pascua, mércores 15 e xoves 16, permanecerá pechada para os musulmáns.

O Muro dos Lamentos, en Xerusalén, énchense con cada festividade. Para os xudeus representa o Gran Templo e nel congréganse, xeración tras xeración, soñando a súa reconstrución. Neste lugar, o rei Salomón pediu que cadaquén colocase a súa man no muro para que así Deus oíse as oracións.

O Venres Santo, as rúas de Xerusalén énchense de fieis tratando de seguir os pasos dados por Xesús na Vía Dolorosa. Na Igrexa do Santo Sepulcro congréganse a maior parte de peregrinos, mesturándose católicos con ortodoxos, coptos e demais fieis, unidos pola paixón de Cristo.

O Sábado Santo, na Igrexa do Santo Sepulcro ocorre o milagre máis antigo do mundo cristián; documentado dende o ano 1106. É o milagre do Fogo Sagrado. Ao mediodía, o patriarca grego ortodoxo inicia unha precesión, con varios membros do clero, e dá tres voltas á Igrexa. Despois disto e dunha oración propia do acto, as autoridades israelís comproban que o patriarca non leva nada con el que poida prender lume, e entra só no sepulcro. Entón cántase o Kyrie Eleison até que o Fogo Sagrado descende sobre trinta e tres candeas brancas que leva o patriarca, e unha vez prendidas sae do sepulcro entre o xúbilo da xente.

A Semana Santa remata o domingo de Pascua coa resurrección de Cristo e co cansazo dos fieis, que seguen os pasos de Xesús pola Vía Dolorosa e por toda a cidade de Xerusalén.

A batalla de Haifa, coñecida en hebreo como a “Operación Bi’ur Hametz” (“Limpeza de Pascua”) en referencia á festividade xudía, foi unha operación levada a cabo pola Haganah, entre o 21 e 22 de abril de 1948 en Haifa. A cidade era un punto estratéxicoen Palestina, no Mar Mediterráneo, no que unha metade da poboación era xudía e a outra árabe e a captura dos barrios árabes significou un avance da guerra civil palestina que levou ó conflito final.

O leiteiro segue a berrar, todas as mañás, que carga lebane fresco.

Conta a lenda que Xurxo naceu en Turquía e despois de vivir en Libia asentouse en Palestina. Unha vez enrolado no exército chegou a unha cidade onde había un gran dragón que tiña atemorizada a toda a poboación. Alí soubo da historia do dragón, que xa acabara con todas as ovellas dos campesiños e que pedía cada día, como sacrificio, unha muller. Xa só quedaba a filla do rei, e Xurxo non tivo medo e pediu á rapaza que encadease o dragón co seu cinto e o guiase cara o centro do lugar. Unha vez alí, Xurxo matou a besta, mais pouco despois foi perseguido por adorar a Cristo. Tras sobrevivir a moitos castigos, finalmente morreu, mártir, e hoxe en día venérase por ser quen de axudar nos campos e máis á xente con problemas mentais.

O 24 de abril de 1950, coa anexión de Cisxordania, Transxordania toma oficialmente o nome de reino de Xordania.

Itzhak Sadeh, un dos fundadores das Forzas de Defensa Israelí, planeou a Operación Jebussi como unha operación militar en tres fases, coa idea de ocupar as arterias vitais de Xerusalén en 48 horas. A manobra aprobouse o 25 de abril de 1948 e a súa execución comezou o 26 de abril. Aínda que non se obtivo o éxito pretendido, deféndese a Operación Jebussi como inspiradora do exército xudeu, que aquel 25 de abril celebraba o terceiro día da Pascua do ano 3388.

O 26 de abril de 1948, o rei Abdallah de Transxordania dixo: “Todos os nosos esforzos por conseguir unha solución pacífica no problema palestino fracasaron. O único que nos queda é a guerra. Terei o gusto e o honor de salvar Palestina”.

O 27 de abril de 1948 atacouse Iafa. Durante os días seguintes as rutas por terra estiveron cortadas e a súa xente tivo que fuxir por mar cara a Gaza, Exipto e Líbano. Cando caeu derrotada definitivamente, o 13 de maio dese mesmo ano, quedaban menos de 4.000 dos 70.000 habitantes orixinarios do lugar.

O 28 de abril de 1947 tivo lugar a primeira sesión especial da asemblea das Nacións Unidas, tratando dar solución a un problema de case dous mil anos. Cando parecía que todo se resolvía, a resolución en favor da partición, o 29 de novembro dese mesmo ano, dificultou todo. Os problemas aumentaron ao tratar de poñer en funcionamento un acordo que provocou a creación do estado israelí e a Nakba palestina.

A Conferencia de Xericó, á que asistiron 2000 delegados palestinos, e organizada polo rei Abdallah proclamouno rei de toda Palestina, pedindo a unificación de Palestina e Cisxordania como un paso cara á unidade árabe. Dende a década de 1950 os residentes de Cisxordania e Xericó pasaron a ser formalmente cidadáns xordanos, mais na guerra de 1967, a guerra dos seis días, Israel ocupou Xericó e o resto de cidades cisxordanas. Anos despois, co acordo Gaza-Xericó do 4 de maio de 1994, Xericó pasou a ser a primeira cidade baixo control da Autoridade Palestina. Hoxe, a cidade permanece como un enclave na área A do val do Xordán, rodeada totalmente pola área C, de pleno control militar israelí.