Rois

Ou os vellos que morren no asilo

arrastrando á brisca con sixilo

ou os novos que viven da luz sen fío

fregando un dedo por un só chío

 

Cadaquén fabrica o seu estilo

cadaquén procura o seu tranquilo

uns no acubillo por mor do frío

outros nun lugar a carón dun río

 

Entre Rego e Tinto topan amor

entre Beca e Faramello algún solpor

e entre mámoas e cruceiros: Rois

 

Devoto de San Isidro Labrador

avogado campesiño e orador

roisense aquí calquera é, en Rois

 

(Segundo premio no Certame Poético Concello de Rois 2014)

Un neno, un muro e un burro

Miniatura

En 2005, Hani Abu Assad conseguiu, con Paradise Now, que o cine falase do pobo palestino, e que o mundo contemplase como nos Territorios hai máis que contar que o que nos dan a ver. Para o director, entreter é o que o leva a filmar; e non só consegue iso, senón tamén informar e erguer o nome de Palestina a pantallas de cine onde mesturan romances con guerras, con viaxes, con amos e escravos ou con políticas silandeiras que na súa última película, Omar, logra saír das lendas dunha historia sobre o amor e a amizade.

En 2013, a película Omar conseguiu triunfar en Cannes, e  que o nome Palestina saíse do seu cerco e que por primeira vez ocupase un posto entre as nomeadas ao Óscar 2014. Se a primeira longametraxe fixera que os Territorios Palestinos fosen protagonistas de cine, a segunda logrou que o cine fose protagonista en Palestina.

Tanto en Paradise Now como en Omar a amizade flirtea co amor, coa traizón e o humor, amosando a historia de Palestina nuns momentos concretos, e rebelando a natureza da ocupación e da resistencia contra ela. O muro é unha constante en ambas, igual que na curtametraxe Un neno, un muro e un burro, na que Abu Assad presenta o bloque de formigón ante os ollos duns nenos.

https://www.youtube.com/watch?v=VJ7RG6oVqek&feature=youtu.be

25 de abril en Chernóbil

En abril de 1986, a imaxe de Ucraína, daquela parte da URSS, estendeuse por todo o mundo ao ritmo da fumareda tóxica que saía da central nuclear de Chernóbil. Ese 25 de abril quíxose aproveitar o peche do reactor número 4 para comprobar que, no caso dun apagamento, habería enerxía suficiente na rede eléctrica como para activar os sistemas de refrixeración. Por desgraza, o errado exame de seguridade rematou cunha explosión nuclear que provocou o peor desastre nuclear da historia.

 

Esa noite, preto de 9 toneladas de material radioactivo encheron o ceo como expulsados dunha ola a presión. Os bombeiros chegaron enseguida e conseguiron evitar a explosión do reactor número 3, apagando o lume coa súa vida, que foi cedendo cos días. E é que, malia non haber cifras exactas, sábese que houbo dous mortos na explosión e ao pouco faleceron 29 dos bombeiros que acudiran ao lugar. A estes hai que sumar predicións que apuntan a unhas 4000 as mortes que poderían atribuírselle ao desastre de Chernóbil.

 

As autoridades soviéticas disfrazaron o calibre da explosión, anunciando que tomaran medidas dende un primeiro momento e que non había motivo para a alarma. Con todo,  Suecia alertou o mundo cando parte do material radioactivo chegou ao seu territorio, e xa non houbo xeito de non propagar o pánico. Daquela, a cidade de Prípiat, a 3 quilómetros do reactor, era xa un museo de historia.

 

Prípiat fundouse en 1970 para albergar os traballadores e as familias do persoal da central nuclear de Chernóbil. A cidade, situada nun punto intermedio de comunicación, rodeada de vexetación, regada por un río e feita á medida para satisfacer as necesidades do obreiro, creceu rapidamente e chegou a preto de 50.000 habitantes, evacuados en tres días, e tatuados nas rúas, nos edificios e no que queda da cidade, deshabitada dende entón.

 

Unha visita a Prípiat permite apreciar a grandeza do lugar que alí houbo e do desastre que provocou a súa desertización. Para entrar en Chernóbil hai que pasar varios controis militares e asinar un compromiso de boa conduta, onde se puntualiza que ninguén pode separarse do guía nin tocar nada do chan, amais de evitar o contacto coa vexetación. Aínda que as partes ás que se permite o acceso non están contaminadas, xa que a radiación non pega no asfalto, o nivel do mesmo aumenta onde hai árbores e plantas, e é aínda moi elevado no Norte e Oeste.

 

Na entrada de Chernóbil, unha estatua lembra a explosión do reactor e o traballo da xente por evitar un desastre maior. A uns quilómetros está o que xa comezaba a ser cidade orgullo de Ucraína: Prípiat. Na escola, os libros de texto, os cadernos e os xoguetes son os fósiles dunha historia recente que permite fotografar o espírito do comunismo soviético. No centro da cidade: a avenida dos Entusiastas, a dos Construtores ou a da Amizade entre os pobos rodean edificios de apartamentos que se mesturan con centros comerciais, polideportivos, teatros e un gran parque de atraccións que nunca chegou a inaugurarse.

 

A nora de Chernóbil, referente do esplendor dunha época, é unha das atalaias do que fora un castelo imaxinario no que o reactor número 4 permanece, como un templo, protexido por un sarcófago que evita as fugas do 95% do combustible nuclear que aínda permanece no seu interior. En ambos, o aire parece traer consigo o recendo da dor que semella oírse co renxer dos coches de choque que nunca se prenderon e dos compartimentos da nora que nunca boulou.

(Tempos Novos. 12-13.04.14)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mañá é mellor (campamento de verán en Palestina)

Zajel (“pomba” en árabe) é un programa de intercambio xuvenil do departamento de Relacións Públicas da Universidade An-Najah. Este ano, entre o domingo 8 e o domingo 22 de xuño organiza un campo de verán titulado “Mañá é mellor”. O programa ten como obxectivos achegar Palestina a estudantes e profesionais, nun escenario único para compartir ideas e discutir ideas sobre o conflito en Oriente Medio.

O evento brindará a oportunidade de traballar en comunidade a través de varias actividades relacionadas co desenvolvemento. Ao vivir e traballar xuntos, en Nablus, os voluntarios acadarán unha maior comprensión das cuestións socio-políticas palestinas, o mundo cos rodea e a continua loita pola liberdade palestina. Amais, os participantes terán a oportunidade de traballar e cooperar con estudantes e profesores universitarios grazas a actividades que inclúen temas como as diferenzas culturais e relixiosas, os estereotipos, os asentamentos, a historia oral, a arte, a educación, a Nakba, o muro de separación, a limpeza étnica, as formas de resistencia non-violenta, a auga en Palestina, os reclusos e a confiscación de terras, os medios de comunicación occidentais, os dereitos humanos, as resolucións da ONU ou as minorías étnicas.

O traballo solidario internacional e o reparto de habilidades permitirá axudar a fortalecer a xuventude palestina na creación dunha mellor realidade. Os talleres do campo de verán e as clases terán lugar en aulas e salas de reunións dos campus da Universidade An-Najah, equipados con todas as facilidades necesarias. Dividido en tres partes, o programa inclúe visitas e talleres nos que o intercambio de coñecementos será fundamental.

Para inscribirse no campo de verán cómpre matricularse na propia universidade. A cota de admisión é de 500 dólares americanos, que inclúen aloxamento, comidas e transporte ás visitas programadas dentro de Cisxordania. Para máis información:
www.najah.edu
http://youth.zajel.org
zajel.camp@gmail.com