Garda do meu irmán

 image

 

 

image

 

Dende o inicio da operación militar israelí “Garda do meu Irmán”, hai 11 días, Israel conseguiu amosar a súa forza e o seu poder. As mostras de dominación e intimidación serviron para afianzar o control e a autoridade sobre casas, sotos, covas, rúas e estradas, nun acto rutineiro de castigo colectivo no que a escusa que levou a tamaño despregue non semella clara.

Hamás continúa a ser a sinalada como culpable pola desaparición de tres estudantes relixiosos xudeus en Cisxordania, aínda que Hamás segue a non proclamar a autoría. Así e todo, Israel persegue sospeitosos entre posibles simpatizantes do grupo, rastrexando todas as posibles pegadas de grupos islámicos. As causas e as consecuencias parecen delimitarse nas liñas de reconciliación entre o goberno de unidade entre Fatah e Hamás, algo que semella buscar Israel pero que non parece convencer á Autoridade Palestina tras as cifras de detidos, feridos e mortos que non cesan.

Israel considera un éxito a operación, malia non ter nova algunha sobre os tres rapaces desaparecidos. Hamás considera as agresións unha escusa para seguir as vías de campañas contra Palestina e aumentar así o número de detidos administrativos: cen máis en menos de dúas semanas. Detencións que, permitidas baixo a orde militar 186 do ano 2009, e baseadas en evidencias secretas, convértense no único xeito de encarcerar sen culpas.

Segundo unha entrevista a unha doutora israelí no diario Yediot Aharonot, os detidos administrativos están en boas condicións: “Levan connosco tres semanas. Ao principio pensei, por que hai xente sa hospitalizada? Despois decateime de que non é tan simple. Podería pasar un desastre. Sentín que sostiña a paz de Oriente Medio nas miñas mans e ninguén me guiaba.” É o persoal médico e militar o que ten contacto cos presos, quen saben os coidados que reciben e a atención que necesitan. As súas familias, afastadas deles e pechadas nunha Cisxordania asediada, descoñecen as condicións dos seus: pídenlles que deixen o xaxún voluntario como xeito de protesta e ás autoridades bérranlles que os encarceren con cargos. En todos os casos, os laios son mudos e só chegan a oídos xordos.

Que volvan a casa!

image

 

Hoxe a prensa semella unha quiniela con cifras que ordenar; onde non importan os nomes e os números só ocupan ocos. A velocidade e a calma mestúranse con violencia, comentando como a desaparición de Eyal Yifrah, de 19 anos, Gilad Shaar, de 16, e Naftali Fraenkel, de 16, provocou o “ataque terrorista máis grande na zona dende a Segunda Intifada”, un secuestro “especialmente duro para un batallón”, un dos 40 que traballan día e noite para arrestar sospeitosos en “Xudea e Samaria” e para así poder recoller información sobre os mozos secuestrados e os seus secuestradores.

Dende o pasado xoves 12 de xuño non hai novas dos rapaces secuestrados. Dende entón, Israel mobilizouse para acabar con Hamás en Cisxordania e co recentemente formado goberno de unidade, así como para castigar colectivamente ao pobo palestino. Dende a semana pasada, Hebrón está asediada; houbo redadas en todas as cidades de Cisxordania e en Xerusalén Oriental, pecháronse 125 estradas, instaláronse 26 puntos de control militar adicionais, atacáronse varios colexios e a Universidade de Bir Zeit, detivéronse máis de 300 palestinos (na noite do xoves, 1 en Ienín, 20 en Nablus, 2 en Tulkarem, 2 en Salfit, catro en Xerusalén, 12 en Belén, 7 en Hebrón), e morreron dúas persoas: un neno de 14 anos e un mozo de 22, dous máis que ninguén pode regresar.

Mentres, Israel contén as bombas que caen dende Gaza e mantén con vida a cando menos 125 prisioneiros palestinos, detidos sen xuízo, que están en folga de fame dende o 24 de abril. Á vez, Hamás, que non admitiu as acusacións polos secuestros, denunciou a cooperación da Autoridade Palestina con Israel, aducindo que iso provoca unha violación do proceso reconciliador entre Fatah e Hamás. Amais, dende Fatah sentenciouse que se Hamás está detrás dos secuestros, as consecuencia serán graves; ao tempo que oficiais de Hamás anunciaron que se a violencia israelí continúa, unha terceira Intifada podería comezar. Algo que Riyad al-Malki, ministro de Asuntos Exteriores palestino, asegurou que non sucedería mentres siga Abu Mazen como presidente. Con todo, é consciente da falta de credibilidade que pode sufrir o presidente pola súa decisión de axudar a Israel, e denunciou as atrocidades cometidas, así como oo silencio imperante e “a liña verde para destruír, matar e alterar a vida de todos os palestinos.”

 

image

As fronteiras de Palestina non as controla Palestina

Moncho Iglesias: “As fronteiras de Palestina non as controla Palestina”.

Moncho Iglesias Foto: Ana Baena. Diario Atlántico

Entrevista pra BDS-Galiza con Moncho Iglesias, profesor vigués na Universidade de An-Najah, en Nablus, na que nos conta como as autoridades isralíes acaban de impedirlle a entrada a Palestina pra seguir traballando. Escritor e tradutor,  ten publicado Carné de Identidade, tradución do libro de poemas de Mahmud Darwish, e recentemente Avoíña/Abuelita.

Como puido impedir Israel que entrases en territorio palestino?

Porque Palestina non existe. E demóstrao o feito de que non me deixasen volver ó meu posto de traballo, cunha explicación coherente dentro dos límites desa legalidade que hai entre as fronteiras dos países. Se traballo en Palestina e teño un contrato de traballo alí, o lóxico é que sexa ese país quen me permita a entrada a el, xa que é o meu lugar de residencia e traballo, mais non é tal. As fronteiras palestinas non as controla Palestina, que non pode decidir quen entra ou non no seu territorio. Eu saíra a Xordania tres días, para renovar o visado de Israel, xa que Palestina non pode emitir ningún tipo de visado. Xa que eran as festas e todo ía estar paralizado, a mellor opción era saír uns días a Xordania e, ao volver, obter un visado de tres meses. Entón, nese tempo, a universidade podería tramitar a extensión do visado (un visado israelí para poder estar en Cisxordania, sen saír dela e sen permiso de traballo; o cal significa que, “legalmente” se durante ese período estou en Xerusalén, por exemplo, estaría como ilegal, igual que se estou traballando, que era o caso, evidentemente. Así que, as leis están feitas á medida, sen letra pequena; ben clara e grande para poder servirse dela cando for mester). Cando tratei de entrar a Palestina, pola fronteira da ponte do rei Hussein, pedíronme que agardase un momento ao presentar o pasaporte. Quedei sentado dez horas. Non dixen nada, porque sabía que o enfado só podía enfadar máis, así que simplemente esperei, vendo como un grupo de brasileiros dicían que non volverían máis, que a próxima vez se reunirían coa familia en Xordania, porque non podían pasar tantas horas de espera só para facer unha visita, dende tan lonxe, e pasar parte da viaxe nun interrogatorio. Un grupo de chilenos, que despois tamén entrou, estaban tamén molestos, pero felices cando puideron entrar a Palestina, a terra onde naceran os seus. Eu quedei alí, vendo entrar a uns e outros, até que non quedou ninguén máis que soldados ou policías de fronteira, e eu. Entón chamáronme e explicáronme como un israelí non pode dar clases de hebreo en Madrid sen visado de traballo, como os profesores somos boas persoas e que mentir está mal, e algún que outro comentario máis que escoitei en silencio, pensando que xa pouco me importaba o que dixesen, que se me deixaban pasar ou non, que o fixesen xa, porque ía quedar no medio do deserto, tanto dun lado como do outro, sen poder moverme. E iso foi o que me pasou. Dixéronme que non podía pasar; que Israel dá a benvida a todo o mundo e todo o mundo é ben recibido aí, pero para traballar é necesario ter un visado de traballo. Así que, só tiña que conseguir o visado de traballo, e entón entrar. Mandáronme esperar no mesmo sitio onde estivera até o daquela. Despois guiáronme cara á fóra e cando chegou un autobús mandáronme montar nel. Era media noite e tratei de falar con algún amigo en Palestina, para dicirlles o que pasaba, para buscar algún consolo, pero o teléfono tampouco tiña liña alí e o pouco que puiden falar non me animou, só me entristeceu máis, porque só pensei entón na xente que non ía volver ver máis. Non me importaban as roupas, os libros, os cafés, os paseos, pero si esa xente que foi a miña xente, e será a miña xente, e que non volverei ver máis porque nos separan cellas de cárceres distintos. Cando montei no autobús pregunteille ó condutor que significaba esa enorme cruz que me puxeran no pasaporte, e non puxo boa cara nin foron moi esperanzadores os seus comentarios. O autobús levoume á cara xordana da fronteira. Alí, invitáronme a fumar dous policías, que me deron algo de conversa e chamaron a un taxista, que daquela xa durmía, pero que quixo levarme de volta a Ammán en menos de dúas horas. Ao volver ao hostal onde estivera, sorprendéronse. Expliqueilles o que pasaba e alí estiven dúas semanas, facendo familia, nun hotel de palestinos onde había sirios que escaparan da guerra e palestinos que nunca puideron escapar da súa Palestina natal, porque nunca sequera os deixaran entrar. Ás dúas semanas, cando volvín tratar de entrar en Palestina, desta vez pola fronteira norte; o caso foi o mesmo, só que a espera foi con máis compañía. O interrogatorio foi máis lento, a bolsiña da equipaxe auscultouse ben e até as miñas lecturas preocuparon. A solución final foi a mesma: que non podía entrar.

 

A túa “expulsión” de facto confirma que en realidade non se pode falar de conflito palestino-israelí porque non se trata dun contencioso entre dous estados iguais. Como definirías ti a situación?

O que demostra é que existe un estado nada máis, un estado que dita leis que hai que obedecer; leis que ás veces mudan, segundo o dirixente ó que lle fales. Unha vez foi algo así o que me dixeron, cando pedín falar cun comandante. Saía de Belén para Xerusalén, en bici, e non me deixaron pasar pola parte por onde van os coches. O problema era que para pasar pola parte dos peóns hai que pasar unha porta que dá voltas e pola que só cabe unha persoa, polo tanto, non unha bici. Así que tiven que deixar a bici no lugar, pasar o control por onde pasan as persoas, e regresar pola parte dos coches, para recuperar a bici. Pero ao intentar pasar non me deixaban, porque ía camiñando e non en coche. Quería coller a bici nada máis, para seguir o mesmo camiño, pero non, tiña que entrar pola entrada a Belén por onde pasan as persoas para recuperar a bici e… Entón pedín falar co xefe ou comandante ou o que fose. E a persoa que non me deixaba pasar dixo que el era o comandante. Protestei, porque é evidente que non podo facer trucos de maxia para empequenecer unha bici, e só me contestaron que no meu país as regras eran as mesmas. Con todo, os días anteriores non tivera ningún problema e tal regra non existía; como a de non poder pasar co ordenador. Un día non me deixaron saír porque seica non se poden pasar electrodomésticos, segundo esas ordes que cambian con moita facilidade.

A “expulsión” demostra a liberdade de movementos que hai e a inexistencia palestina. Se a unha persoa se lle pode negar a entrada a un sitio “veciño”, que non se poderá facer con tales veciños, se nin sequera hai fiestras por onde mirar que sucede. E se hai miradas, só chegan a verse as que interesan que se vexan, as que permiten e as que gustan.

Falar de conflito a min sempre me soou a peli de bos e malos, e non é así. A historia é moi complexa e falar de eliminación dun lado ou outro, agora mesmo, é moi difícil. Con todo, agora non é ese o tema, se é posible cambiar fronteiras ou non; o problema é que non existen fronteiras e que quen as fai elixe o seu tamaño, as súas coordenadas e o seu xeito de administralas. O problema é que non hai liberdade de movemento e iso implica falta de coñecemento, de entendemento e xa que logo de ganas de. Só hai iniciativas que incitan ao odio e ao medo. Amais, o conflito é demasiado mediático e se ben xa non se ve como unha peli si quizais teña momentos de partido de xogo algún ou de nova repetitiva que soa a anuncio publicitario e que xa deixou de interesar.

 

Unha situación tan extrema como a que describes ten de ter necesariamente consecuencias moi graves na vida cotiá das persoas. Que aspectos destacarías?

A falta de autoestima; o medo, que chega a provocar indiferenza; a falta de ilusións e de imaxinación; e moita frustración. Por exemplo, máis dunha vez me pasou de darlles aos alumnos unha foto para describiren e quedaren sen palabras, argumentando que non podían, sen máis. Entón, ao preguntarlles por detalles, si eran capaces de falar e de dicir o que vían, pero de principio dan por seguro que eles non son quen. Outra vez, un amigo veu comigo cun grupo de fóra. A el dáballe vergonza e algo de medo, porque pensaba que a imaxe que tiñan del era a de terrorista e perigoso. El mesmo, na súa propia casa, no seu lugar, tiña medo de falar con estranxeiros, porque pensaba que o vían como mala persoa; non era capaz de demostra que é unha persoa máis.

 

Recentemente tivemos noticia da folga de fame de varios centenares de presos palestinos que reclaman o fin da presión administrativa. Segundo as noticias que publicaron alguns medios, todos eles tiveron de ser hospitalizados en estado crítico. Poderias dicirnos algo sobre as prisións israelis?

Moitos dos presos foron hospitalizados porque a súa situación é moi grave. Levan máis de 50 días sen comer e Israel quere mantelos vivos. A súa morte, neste caso, é unha derrota; unha perda nesa especie de campionato de vencedores e vencidos nos que as cifras das persoas só parecen asustar cando son moitas ou a sangue coagula nas portadas dos xornais. Agora, con tres colonos desaparecidos en Territorios Ocupados, Israel fala de secuestro; esquecendo que moitos palestinos tiveron que abandonar os seus fogares e nunca máis puideron regresar a eles nin como turistas. Os presos detidos están incomunicados e as súas familias non teñen novas deles, só sobre o seu estado de saúde, algo que só lles comunican os avogados cando poden comunicarse con eles, e só para dicirlles que seguen aí.

Nas prisións moitos presos aprenden e estudan. Teñen tempo para estudar, pero moitas veces non teñen ganas, o cal é obvio, porque algúns deles non saben canto tempo han pasar, nin os motivos polas súas detencións. As visitas son difíciles porque só se dan permisos ocasionais e as familias teñen que viaxar durante case un día para estar con eles e falar uns poucos minutos. Unha curiosidade sobre as prisións é que unha vez lle levei un xersei de regalo a un amigo. Deillo á familia, para que llo entregase, pero non o permitiron; seica porque o xersei era de cor verde.

 

Nos últimos tempos os abusos ás crianzas, con detencións nocturnas ou maus tratos nas comisariás parecen incrementarse. Como é a situación dos menores?

Para min, un dos feitos máis impresionantes foi unha vez que houbo un ataque con tanques en Belén. Cando cheguei ao lugar, só vin pedras no camiño, na rúa, e na casa, que estragaran, vin como de entre os entullos saían nenos. A imaxe de colchóns cheos de buratos, que parecían comidos por ratos, fiestras rotas e paredes con balazos non me impresionou máis que a de ver crianzas moverse por alí con naturalidade, vendo como a súa casa era unha mestura de utensilios ciscados por todos lados. Iso non ensina a ningunha criatura a querer nin a pensar noutra cousa que non sexa construír o destruído. Amais, detéñense a nenos e xúlganse como se fosen adultos por tiraren pedras e enfrontarse ao exército. Criarse nun ambiente tan hostil non é a mellor forma de crecer en igualdade, con xustiza, sen medos.

(http://www.bds-galiza.org/2014/06/19/moncho-iglesias-as-fronteiras-de-palestina-non-as-controla-palestina/)

Hebrón secuestrada

 

O conflito pode enmudecer bocas ou enxordecer oídos mais aínda nunca, dende que comezou, deixou de ser e estar; presente sempre nunha sociedade que silencia o seu sufrimento disfrazándoo de ruídos que só se fan eco na prensa. O último deses berros vén de tres estudantes dun colexio relixioso, unha yexivá. Desaparecidos en Cisxordania e, segundo o primeiro ministro israelí, secuestrados por Hamás, as consecuencias limitan a xa de por si feble capacidade de movemento na zona.

Hebrón é unha das cidades máis grandes de Palestina. Nela viven máis de 150.000 palestinos e 500 colonos xudeus, protexidos por 2000 soldados israelís. A cidade é a única que non quedou baixo xurisdición palestina tras os Acordos de Oslo de 1995, quedando dividida en dous sectores: o H1, controlado pola Autoridade Palestina, e o H2, controlado por Israel. Os palestinos non poden achegarse ás zonas onde viven os colonos, nin sequera os 30.000 deles que viven no sector H2, onde se atopan varios asentamentos, ilegais internacionalmente. Estas medidas provocaron que pechasen máis de medio millar de tendas e que as rúas do mercado sigan baleiras, mentres crecen as pintadas a favor de Israel e o lixo se aglomera nas redes metálicas que ensombrecen o barrio antigo.

Palestina en xeral e Hebrón en particular parecen ser as culpables da desaparición dos tres mozos, hai unha semana, cando saían do asentamento onde estudaban. Esta é a versión oficial do goberno israelí, que non é a mesma que perciben os palestinos nin algunhas outras voces dentro de Israel, como a do xornalista Gideon Levi, quen apuntou que a abdución dos tres estudantes “xa houbo quen a dispuxera antes: Israel.” Son eles os secuestradores, os que “teimosos rexeitan a liberación de prisioneiros palestinos, algúns deles encarcerados durante décadas, antes da sinatura dos Acordos de Oslo de 1993, e algúns dos cales Israel prometeu liberar; os que deteñen sen xuízos durante anos; os que ignoran as folgas de fame de 125 detidos “administrativos”, algúns dos cales están a morrer en hospitais; os que tratan de alimentalos á forza, e os que proxectaron decretos para prohibir a súa liberación.” Por iso, conclúe Gideon Levi: “esta xente non pode pretender sorprenderse ou escandalizarse polas abducións. Eles mesmos as organizaron con antelación.”

As rúas de Hebrón están máis ocupadas estes días que de costume. O castigo colectivo á súa poboación, unha práctica vetada pola Convención de Xenebra que regula os conflitos internacionais, ten á súa xente prisioneira ou arrestada: uns 100 nos últimos días. De non ser polo secuestro que ocupa as novas, Hebrón seguiría secuestrada e silenciada, como as voces das familias que reciben visitas inesperadas no medio da noite; voces mudas nun conflito violento que só se oe cando as agresións se disparan: como cando a falta de seguridade nos Territorios Ocupados se resolve con máis ocupación. Só entón se sabe que Cisxordania existe, como cando Gaza existe en forma de Qassams.

Folga de fame colectiva

O 24 de abril, máis de 100 presos palestinos, encarcerados en prisións israelís, comezaron unha folga de fame en protesta contra un encarceramento indefinido sen cargos nin xuízos. Esta práctica, a das chamadas “detencións administrativas”, constitúe unha violación dos dereitos humanitarios e dos principios básicos de xustiza, pois nega o dereito do acusado a ser culpado con cargos nun xuízo. Con todo, Israel emprega este método con frecuencia, malia continuas protestas, que traspasaron fronteiras ao saberse das folgas de fame de palestinos.

As campañas contra detencións arbitrarias conseguiron, por medio de folgas de fame, que o goberno de Israel non renovase os casos de algúns presos, encarcerados de forma continuada máis de cinco veces e por períodos de seis meses. Así, logrouse a promesa de limitar o uso de detencións administrativas a casos extraordinarios. Porén, algúns destes palestinos liberados volveron a prisión de novo, eternizando un proceso inxusto e ilegal.

Dende 1967, uns 800.000 palestinos estiveron no cárcere nalgún momento da súa vida, e na actualidade hai máis de 5000 en prisións israelís. Tras cincuenta días, o deterioro dos presos en folga de fame é evidente e eles mesmos son conscientes das consecuencias da súa loita. Sabedores do que significa levar tantos días sen comer, tomaron a determinación de doar os seus órganos se morren: “Coa esperanza de continuar co noso sacrificio, incluso despois da morte, doaremos os nosos órganos útiles para dárllelos a eses palestinos que loitan pola causa, e aos pobres e oprimidos que poidan necesitalos. Estas non son meras palabras que dicimos con indiferenza, senón unha práctica revolucionaria real sen ningunha dúbida nin ningún tipo de fraqueza”.

I Xuntanza do Tarangaño Cultural

En Ourense, na profundidade do cheiro a acios de Ribeiro e entre chirlos de aves que veñen e van, está Sobradelo; unha parroquia de Xunqueira de Ambía. Alí os peregrinos do camiño refréscanse coas augas do río Arnoia, e nas súas beiras repasan os pasos a dar, percorrendo mananciais, cruceiros, canastros e algunha ponte, amais de casas e fogares listos para acoller ao visitante, e máis se é día de xuntanza cultural. Alí, en Sobradelo, tivo lugar, esta fin de semana, a I Xuntanza do Tarangaño Cultural; un evento que parece tan antigo como as festas máis xenreiras da zona, mais que só conta con nimbos de moito futuro.

Para quen non é de alí, só precisa seguirlle os pasos a Rochi Nóvoa Vázquez se quere chegar. Os seus poemas, musicados, cantados, bailados ou non, serven de guía cara unha parte de Galicia agochada entre o verdor ceibe do país e enredada en silvas que asubían palabras. Foi ela, a poetisa de Sobradelo, quen dirixiu o tráfico artístico de dous días de a cabalo entre maio e xuño. Como unha prestidixitadora verbal, pendurou de sinais, de muros e valados cartaces líricos cuxa metáfora era saber chegar a unha xuntanza de ideas e propostas bañadas de frautas, tambores, guitarras, acordeóns, pandeiretas, debuxos, pinturas, fotos, berros, agarimos, e voces e oídos.

Os maios, dende este ano, teñen máis voz. A de Rochi Nóvoa Vázquez brilla nos seus ollos, e deles escintilan agradecementos e cargamentos de esperanza que nin as afonías máis primaverais poderán parar. O Tarangaño comeza e xa se ven as sombras coloridas das próximas xuntanzas.