I Xuntanza do Tarangaño Cultural

En Ourense, na profundidade do cheiro a acios de Ribeiro e entre chirlos de aves que veñen e van, está Sobradelo; unha parroquia de Xunqueira de Ambía. Alí os peregrinos do camiño refréscanse coas augas do río Arnoia, e nas súas beiras repasan os pasos a dar, percorrendo mananciais, cruceiros, canastros e algunha ponte, amais de casas e fogares listos para acoller ao visitante, e máis se é día de xuntanza cultural. Alí, en Sobradelo, tivo lugar, esta fin de semana, a I Xuntanza do Tarangaño Cultural; un evento que parece tan antigo como as festas máis xenreiras da zona, mais que só conta con nimbos de moito futuro.

Para quen non é de alí, só precisa seguirlle os pasos a Rochi Nóvoa Vázquez se quere chegar. Os seus poemas, musicados, cantados, bailados ou non, serven de guía cara unha parte de Galicia agochada entre o verdor ceibe do país e enredada en silvas que asubían palabras. Foi ela, a poetisa de Sobradelo, quen dirixiu o tráfico artístico de dous días de a cabalo entre maio e xuño. Como unha prestidixitadora verbal, pendurou de sinais, de muros e valados cartaces líricos cuxa metáfora era saber chegar a unha xuntanza de ideas e propostas bañadas de frautas, tambores, guitarras, acordeóns, pandeiretas, debuxos, pinturas, fotos, berros, agarimos, e voces e oídos.

Os maios, dende este ano, teñen máis voz. A de Rochi Nóvoa Vázquez brilla nos seus ollos, e deles escintilan agradecementos e cargamentos de esperanza que nin as afonías máis primaverais poderán parar. O Tarangaño comeza e xa se ven as sombras coloridas das próximas xuntanzas.