Terceira Intifada

 image

 

 

 

image

 

Aínda sen saber se a Segunda Intifada rematou nalgún momento ou só houbo períodos de pausa dende o seu comezo, en 2000; as revoltas civís máis crueis, as que enfrontaron a palestinos e israelís, entre 1987 e 1993, e entre 2000 e 2005, repítense nas rúas: vinganza, odio, berros e proxectís intercámbianse para prender e avivar máis lumes, separados por muros e trincheiras. Se non é unha terceira revolta, talvez si sexa o comezo dunha nova etapa de maior inestabilidade; pois a calma relativa conseguida polo apoio de Fatah ás accións militares israelís parece perder aceptación, mentres aumenta a ira de ambos lados do muro.

Tras o descubrimento dos corpos dos tres mozos israelís, despois de 18 días desaparecidos, a vinganza saíu á rúa en forma de berros e actos violentos. A ira traspasou xa os límites do odio, e a violencia e os ataques entre árabes e israelís tingue as horas. Xa a semana pasada Amnistía Internacional e o grupo de dereitos humanos israelí B’Tselem escribiron unha carta conxunta ao ministro de defensa de Israel pedíndolle o cese de arrestos masivos e os ataques a casas; sinalando que iso só amosaba que se estaba a procurar un castigo colectivo e non unha busca de persoas desaparecidas. Ataques e persecucións que non só asolagaron aldeas, senón que levaron con elas a 570 palestinos até cárceres israelís, mataron a dez persoas (tres nenos, unha muller embarazada e un mozo discapacitado entre eles), feriron a centos e aterrorizaron a milleiros. Un pánico que só provoca máis horror e máis dor e máis respostas, que non veñen en forma de palabras, senón con actos. Actos que son mísiles e tamén pancartas como as que gritan e esixen a morte dos palestinos e que logran abandeiran ese odio até a propia morte.

As voces dos mozos israelís secuestrados óense na prensa xunto coas dos pais, aflixidos, igual que os daqueles mortos do outro lado. Inocente tamén era o rapaz secuestrado en Xerusalén esta mañá; tamén os que non dormen na casa cada noite, acusados de lanzamentos de pedras ou de pertenza a banda terrorista. E por terrorismo enténdese todo tipo de violación dos dereitos dos outros, e por iso son culpables todos aqueles posibles inspiradores da guerra e inimigos da paz. E ser palestino é motivo suficiente para aportar unha imaxe do terror, que aumenta de noite, á hora dos rezos, e se estende como un virus propagado tras as intencións de conseguir un goberno unitario en Palestina.

Un palestino morto é unha rutina: 1407 son as cifras sen nome dos nenos mortos entre o ano 2000 e xuño de 2014. Santificados pola súa inocencia, polo futuro que xa non teñen, pola esperanza que xa perderon; aínda que, segundo o primeiro ministro israelí, Netanyahu, a santificación deles, dos outros, é a crueldade: “Eles santifican a morte, nós santificamos a vida.” Con todo, a vida en Palestina segue; malia os emigrados por obrigación, os expulsados, os feridos, os mortos e os doridos, todos eles, que aínda teñen esperanza.

 

image