Vinganza

Xerusalén pide xustiza polos tres mozos xudeus desaparecidos e que logo apareceron mortos en Cisxordania, e pola violencia desencadeada a raíz desas mortes. Páxinas en Facebook esixen represalias, con mensaxes como “odiar os árabes non é racismo” ou “Israel pide vinganza”. O odio reprodúcese ao carón de fotos de diferentes partes do corpo tatuadas con palabras rancorosas e faise viral; un movemento en rede que sae á rúa e traspasa fronteiras, e no que as mensaxes virtuais se converten en reais.

En Xerusalén a división entre barrios evidénciase coas barreiras formadas por pedras ou bombas caseiras, e tanques ou coches militares. En Cisxordania aumentan as manifestacións preto do muro que serpea toda a zona e dende Gaza non cesa o intercambio de mísiles por anuncios de alerta. Unha violencia rescatada estes días e alimentada por unha necesidade que só acabou por estoupar, seguindo a estela deixada pola unión de Fatah e Hamás en Palestina.

Non hai proba algunha que demostre que fosen membros de Hamás ou doutro grupo palestino os que asasinaron os mozos israelís desaparecidos. As especulacións levan a ataques xa pensados dende hai tempo, ou contraataques tamén orquestrados con antelación e provocados pola crise diplomática israelí que necesitaba recuperar alianzas para lexitimar os seus actos: Estados Unidos culpou a Israel de entorpecer as conversas de paz mentres se anunciaba a construción de novos asentamentos e Palestina pedía o ingreso en 15 organismos internacionais. Deste xeito crecía o movemento de boicot, desinvestimento e sancións contra Israel, e varios países de Europa uníanse á chamada, cancelando as axendas con empresas que se benefician da ocupación.

É evidente a petición israelí de non recoñecemento do novo goberno de unidade palestino e o castigo colectivo que non só decretou o goberno, senón tamén a poboación civil: a Mohammed Abu Khudair secuestrárono e tras meterlle gasolina na boca queimárono vivo; a Tarek Abu Khudair arrestouno sen cargos a policía despois de bater nel; namentres, o exército continúa a procurar violentos entre as casas aínda en pé de Palestina.

 

(Fotos: Oren Ziv/Activestills.org e /Yotam Ronen/Activestills)