Twitear Palestina

En novembro de 2000, o daquela primeiro ministro israelí, Ehud Barak, aprobaba un proxecto para construír un muro de separación que rodease os territorios de Cisxordania, imitando o que dende 1994 xa limitaba a Faixa de Gaza, e afastando Palestina do resto do mundo. A construción non só incomunicaba Palestina, senón que tamén a privaba de auga, de terras e de árbores, confiscadas dende 2002, e obviaba unha liña divisoria imaxinaria, a liña verde, lexitimando a ocupación de máis territorio palestino en Cisxordania.

Palestina, seccionada en dúas partes, está organizada en guetos e zonas militares, e reprimida por un sistema que emprega a violencia como castigo físico e psicolóxico contra poboación civil definida como terrorista por ser violada e daquela embarazada de “ataques terroristas”. Crianzas e anciáns, dentro desa faixa entran os mortos que son obxectivo de Israel: persoas xa encarceradas ás que só resistir lles permite soñar con vivir e ser máis que números.

A chamada a unha terceira Intifada repítese dende o bautizo da primeira, e as cifras de mortos só mudan segundo o masacre sexa televisado ou twiteado, pero tras eses números hai persoas; persoas que, como dicía o poeta Mahmud Darwix, “non odian nin rouban a ninguén, mais, se teñen fame, entón comerán a carne do seu usurpador”. E é que os palestinos teñen fame; devecen pola paz e por non ter que erguerse sen saber que cifras son as que teñen que apuntar nese momento: cristais rotos, casas destruídas, rúas cortadas, luces que non prenden e feridos e mortos que só aparecen como apéndices a resolucións internacionais que non cambian nada.

Morren persoas e o mundo segue a ser espectador dun espectáculo no que o único árbitro semella ser o tempo. Por iso cremos necesario participar dos berros que se lanzan dende Palestina, e apoiar ao seu pobo, e pedir á comunidade internacional medidas reais que deixen de facer de Palestina un masacre televisado e que ensinen o que os palestinos queren: vida.

(Debuxo de Zaid Ayasa: “Gaza no paraíso”)