Caca palestina

image

O estado de Israel está rodeado de merda. Por terra, mar e aire: merda. Polo Norte, en Galilea, fede unha nova guerra no aire, polo Leste, en Cisxordania, a Merda é fronteira natural, e no Oeste, en Gaza, a merda afogada na Faixa flota no Mediterráneo israelí. Cada ano escolar comeza con predicións de guerra, que nesta ocasión parece que virá do Norte; máis alá da liña verde, esa raia imaxinaria que divide o poder israelí e sobre a que se asentan as aldeas de Merda e Escaca, en Cisxordania; é a outra palestina, a que non é Gaza, onde a merda dos seus inodoros se afoga nunha costa sempre vixiada, que provoca a emersión de feces nas praias de Tel Aviv.

Israel controla o acceso á auga dende o río Xordán até o mar Mediterráneo. A poboación campesiña, que depende da auga, está sempre a expensas dos danos, destrucións e restricións modernos, e de pozos, cisternas de auga de chuvia e sistemas de irrigación do período romano,  para poder traballar unha terra obrigada a quedar lóbrega. Unha outra guerra, silenciosa, que aparta os palestinos dos seus campos e das raíces deles, obrigándoos a emigrar a cidades, e levando con eles tradicións e un apego cara a terra que se perde devagar.

Os últimos ataques a Gaza deixaron os sistemas de auga, xa de por si non potable, totalmente estragados. Xa antes, Al-Shabaka, rede palestina de política pública, denunciaba o vertido de millóns de litros de augas residuais sen procesar no Mediterráneo.  Son elas as únicas que poden saír con liberdade da Faixa de Gaza e chegar ás praias israelís como produto de denominación de orixe palestina: merda.

Sam Bahour, que como tantos outros palestinos quere demostrarlle ao mundo que en Palestina se ensina vida, pídelle a Israel que non se bañe na merda, pois pode emporcarse: “Nós, os palestinos, non temos ningún tipo de aventura amorosa cos israelís relaxándose nas beiras de Tel Aviv. Moitos deses israelís non teñen problema algún en ser profesionais de alta tecnoloxía pola mañá, poñerse o uniforme militar e participar na conversión de Gaza nun inferno vivinte en terra pola tarde, e ir a darse un baño relaxante coa familia, nas praias de Tel Aviv, polo serán. Con todo, gustaríanos lle dar un consello aos israelís e aos turistas en Israel sobre ese asunto: por favor, deixen de nadar na nosa merda. Esta práctica non só é pouco saudábel para vostedes e as súas crianzas; amais, está matándonos, de xeito literal e figurado.”

image