Esgotado nas ruínas da memoria

Nas ruínas da memoria, Iyad Sabbah ergueuse como a ave fénix, das cinzas da desesperación, a tristura e a guerra, para levantar con el unha construción cos restos do imaxinario de persoas que foron e cascallos que nalgún momento os acubillaron. Co barro herdado do masacre das choivas de auga e de mísiles, amasou un holograma de Gaza ás beiras do mar.

Con espectros saídos da terra, adelgazados polas rabuñaduras da vida, o artista Iyad Sabbah tratou de facer ficción cruel da realidade tan fotografada que dá fama a Gaza. Como unha pasarela de modelos de lodo e fargallos, o vento só fai de público dunha morte que se move coas engurras das momias, que se consomen, que se desprazan e que avanzan na nada até desaparecer.

O lixo cobre as miradas do espectáculo e do espectador, envolvéndoo na sucidade de bombas que aínda se escoitan nos pregues dos corpos de lama, que foxen como o paxaro atrapado na súa gaiola ocupada por un globo vermello que se infla e se expande sen deixar máis oco que o aire entre os barrotes dunha casa con cancelas. Igual que o paxaro que se asusta nun curruncho da súa vida, as figuras da praia de Gaza agóchanse no areal que lles queda, nun instante, inconscientes de que todo termina por derreterse e esvaecerse na memoria.

“Esgotado” é o título da exposición, testemuña do tempo e do espazo en Gaza, sen data nin lugar, caducable nun instante fatigoso. Con esta exhibición a ceo aberto, como moitos dos fogares dos descendentes destas figuras de barro, o artista pretende enviarlle ao mundo unha mensaxe: eses palestinos saíron das súas casas fortes, mais, aínda que sigan en pé, están febles e feridos por dentro.

(Fotos de Iyad Sabbah)

https://www.youtube.com/watch?v=8cpktXZAXM0 (“Sen vida sen morte1”, Iyad Sabbah)

http://isabbah.com/#Home (páxina en rede de Iyad Sabbah)

image

image

image

image