Daoud al-Ghoul, residente de Xerusalén expulsado de Xerusalén

pic 78

Silwan é un barrio árabe na beira Este de Xerusalén, pegado á muralla que rodea a cidade vella. Igual que nos campos de refuxiados, as casas golpéanse entre rúas pequenas e xente que, tras moitas xeracións, logrou construír centros sociais para os seus e mesmo para os visitantes. Entre esas calellas vive Daoud al-Ghoul, coordinador do programa xuvenil do Health Work Committees, unha organización non gobernamental palestina que trata de achegar a mellor saúde posible aos máis necesitados, e guía turístico.

Daoud naceu hai 31 anos onde xa se criaran os seus antepasados, en Silwan. Coñece a historia do lugar de primeira man e traballa como guía voluntario tanto para locais como para internacionais. En 2011, durante o Festiclown, acompañou a tropa de pallasos que encheron a vella Xerusalén e non deixou de establecer lazos entre Palestina e o mundo, dende o seu recuncho, até comezos deste mes de decembro, no que foi expulsado do seu fogar.

En 1967, o estado de Israel anexionou Xerusalén e Silwan, daquela, pasou a ser parte da municipalidade e, por tanto, a estar baixo control israelí. É por iso que os residentes de Silwan pagan os seus impostos ao goberno e teñen carnés de identidade que lles dan permiso de residencia. Con todo, estes carnés non os recoñecen como cidadáns de Israel e amais de non poder votar nas eleccións ao parlamento, o permiso de residencia está supeditado a diversas condicións e o Ministerio do Interior pode quitárllelo a calquera dos que o posúen.

Daoud, malia nacer en Xerusalén, onde sempre residiu, non é cidadán. O seu permiso de residencia pode ser revocado por non reunir algunha das condicións e daquela perder o dereito a estar en Xerusalén. Iso é o que lle pasou este mes. O 2 de decembro chegoulle unha notificación, emitida o 30 de novembro, na que se lle informaba que tiña que presentarse na estación de policía para recibir a orde de deportación, duradeira até o 30 de abril do próximo ano. Un día despois, o 3, recibiu a segunda sentenza: a prohibición de estar en Cisxordania entre o 3 de decembro deste ano e o 1 de xuño de 2015.

Silwan está nunha das abas do val de Kidron que conducen cara ao mar Morto. Segundo a Biblia era o xardín do rei, mais nos últimos anos o verxel converteuse en cemento, algo que queren mudar tanto o goberno municipal de Xerusalén como os Ministerios de Finanzas e de Asuntos sobre Xerusalén. A súa idea é ampliar o parque nacional da Cidade de David, contigua a Silwan, e dotar de infraestruturas e lugares de ocio a zona. Para iso destruirán as casas construídas ilegalmente, non sen deixar de compensar aos seus veciños, para logo construír unha nova veciñanza da que poidan gozar residentes e turistas, facendo deste xeito que mellore a economía dos seus habitantes.

Daoud non sabe por que foi deportado. En Silwan moitas familias recibiron ordes de demolición dos seus fogares, mais o caso deste guía permanece nun arquivo secreto. Agora mesmo está no único sitio onde llo permiten, na Palestina do 48, agardando, sen renderse, unha resolución.

DSCF9490
DSCF9491

DSCF9493

DSCF9497