IV Certame Literario das Letras Galegas en Frankfurt

 

Los ganadores del IV Certamen Literario con motivo de Las Letras Gallegas han sido:
Primer premio: Moncho Iglesias Mìguez con la obra “Atime “de Vigo
Segundo premio: Josè Martìnez Romero Gandos con la obra “Unha cultura mantida no exterior” de A Corunha
Tercer premio: Paulo Gonzàlez con la obra ” Octavio do castro” desde Bertamiràns, Ames

 

Primer Premio:

„Sufi ciente“ de Moncho Iglesias Míguez

 

 

Estaba só, case espido.

Pasara o control de pasaportes sen problemas e xa só quedaba meter a equipaxe, o máis fácil, pensara. Acomodara todo no seu sitio e escondera unhas onzas de chocolate nos petos interiores da maleta, por se lle dicían algo sobre a importación de produtos estranxeiros. Con todo, ordenáronlle abrir as cremalleiras nunha sala solitaria chea de espellos. Ao tempo, unha rapaza, que só puido escoitar ás costas, preguntáballe por que levaba barba.

«Eehh, pois… por vagancia, por non me erguer todos os días cedo a barbearme.» «Mente,» murmurou un. «É nacionalista?» preguntou outro. «Eeehh, pois… Naci…» «Dende cando leva barba?» «Medio ano, creo. Algo así, máis ou menos.» «Cre ou está seguro?» «Si, estou seguro.» «E logo non está seguro de por que deixou a barba?» «Si, certa apatía.» «Entón, por que ten unha navalla de barbear no neceser?» «Aínda non a tirei de aí.» «Ou sexa, que pode ser que se barbee de novo.» «Talvez.» «É tan indeciso para todo?» «Non.» «Entón sabe a que vén ao país?» «A ver á familia.» «Que máis?» «A traballar.» «Non ten permiso de traballo.» «Logo pensa traficar con todo iso que trae consigo.» «Non. Só levo cousas persoais.» «Aquí tamén temos cintos e pantalóns e chocolates de elite.» «Só levo algún agasallo para a familia e cousas miñas básicas.» «Se son básicas non son tan imprescindibles,» —apurou un dos soldados ordenándolle que se espise e deixase todo enriba dun caixón.

Daquela; só, case espido, voltearon todo o que contiña a maleta nunha especie de contedor de reciclaxe.

«Por que escondía os chocolates?» «Só intentaba que estivesen frescos e non se derretesen.» «E para que leva tantos libros? É relixioso?» «Son novelas, contos…» «Gústalle ler?» «Si, bastante.» «Que autores le?»

Numerou algúns dos seus escritores favoritos até que un dos soldados fixo un ademán, amosando que era dabondo:

«Suficiente! Sabe que moitas desas obras están prohibidas; así e todo atrévese a pasar a fronteira para traficar. É miserento!» «Non queda doutra, terá que entregarnos esas lecturas.» «Non teño todos os libros que lle dixen. Algún só os lin.»

Só lle quedaba a toalla que lle deran para envolverse. Sabía que o resto era ilegal e non tería máis remedio que entregárllelo. As historias que gardara na cabeza para contárllelas aos nenos non era o que máis lle preocupaba; eran os chocolates, que non había topar xamais.