Eu son Ana

https://www.youtube.com/watch?v=ylmpc8O34Ig

Eu son Ana, porque, coma ela, quero as portas de Gaza abertas e con elas o seu porto e o seu ceo aberto; quero que a súa xente poida decidir se as mareas son boas para pescar ou mesmo para bañarse e que os areais sirvan de campos de fútbol improvisados, e quero que as crianzas de Gaza sexan libres para voar papaventos no aire e que non lles corten os fíos nin as ás da liberdade paxaros de ferro nin outras especies de destrución humana; quero que a fame a destrúan alimentos e as dores desaparezan cos coidados necesarios, e quero que a súa xente sexa libre para expresar a súa historia e con ela formar o seu propio futuro, sen imposicións de culturas alleas que expliquen que vestimentas levar ou cal é a forma máis axeitada de ser feliz.

Eu son Ana porque a súa voz en galego enténdese, mesmo en árabe: ana Ana; e incluso no silencio. Porque me solidarizo coa súa forza reivindicativa e pacífica, e porque creo nas mensaxes enviadas en botellas lanzadas ao mar con destinatarios enmudecidos que non poden responder nin as cartas do primeiro ministro israelí, Netaniahu, quen me deu a benvida a min, ana, e a nós, Ana, cun novo panfleto propagandístico:

«Benvida a Israel. Semella que te equivocaches de camiño. Talvez pretendías navegar cara a un sitio non moi lonxe de aquí, Siria. Alí, o réxime de Assad está a masacrar a súa propia xente todos os días coa axuda do réxime homicida iraniano.

Polo contrario, aquí, en Israel, temos unha situación onde organizacións terroristas como Hamás están tratando de magoar civís inocentes. Estamos a protexer os cidadáns de Israel , seguindo as leis internacionais, fronte a estas ameazas.

Hai só un ano frustramos o intento de tráfico de armas, destinadas a seren usadas contra civís inocentes, por mar.

Non hai bloqueo na Faixa de Gaza e estás convidada a transferir calquera axuda humanitaria a través de Israel. A prevención do acceso por mar faise de acordo á lei internacional e mesmo recibimos o apoio dun comité do secretario xeral da ONU.

Se che interesasen os dereitos humanos de verdade, non estarías navegando en solidariedade cun grupo terrorista que executa gazatís sen xuízo e usa crianzas gazatís como escudos humanos.»

Amais, o comunicado lamenta a decisión de non visitar Israel, un estado onde se di que existe igualdade de dereitos e liberdade relixiosa para todos os seus cidadáns. Con todo, ana, eu, gazatí, de Palestina, non podo mergullar nas miñas augas nin decidir os meus movementos porque teño bloqueados os sentimentos e a miña propia capacidade de decidir. Eu, ana, non errei no meu camiño, porque os lindes están trazados e as liñas polas que moverme delimitadas. Eu, ana, quero responder ás benvidas que me acollen e non ás que me pechan con palabras e xestos a miña liberdade.