A mesma Intifada

Calquera mes é parte da cronoloxía da violencia en Palestina e calquera estación é propicie para o bautismo dunha revolta. O outono de 2015 xa recibiu o nome do da terceira Intifada e o setembro o dos aniversarios: dos acordos de Oslo, asinados en 1993, e do comezo da Segunda Intifada, que comezou en 2000 e rematou, segundo as crónicas, en 2005. Mais as continuas campañas violentas, e as detencións, expulsións e asasinatos constantes non semellan que rematasen hai dez anos, senón que son parte do vivir diario palestino. Por iso, falar dunha nova Intifada só parece unha medida de distracción sobre unha realidade pragada de tantas cifras como sinaturas, fotografías e izadas de bandeiras que só semellan pantallas de publicidade para que os ollos de fóra se distraian e deixen que o día a día continúe unha folla de ruta delimitada por intereses alleos á poboación que vive esa realidade.

Hai 22 anos, os acordos de Oslo buscaron estabilidade e tranquilidade en Israel, coa promesa de respectar un socio submiso, a OLP, que só conseguiu liberdade económica e permiso para falar no discurso sobre o autogoberno palestino. Coas sinaturas daquel proxecto rubricábanse as ideas da retirada do exército israelí da Faixa de Gaza e mais de Cisxordania; o establecemento dun goberno palestino provisional dividido en tres áreas sen delimitar: unha controlada pola autoridade palestina, outra de control militar israelí e outra de control israelí. Mais quedaban fóra do papel os palestinos, tanto os que vivían nese arquipélago de terra, como os que se converteran en refuxiados ou mesmo en apátridas, porque os acordos se limitaron á imaxe dunha aperta coa que facerlle fotoshop ao conflito.

Oslo creou a idea de dous estados para dúas xentes. Mais agochou temas como as xentes dos asentamentos, as de Xerusalén ou as das fronteiras, onde nunca se estableceron límites. Deu paso a Oslo II, en setembro de 1995; o asasinato do primeiro ministro israelí Rabin; e a novas bafaradas de violencia que, dende setembro de 2000 semellan unha ladaíña onde mudan as cifras. Máis de 4000 persoas morreron, entre ambas as partes, entre 2000 e 2005, o ano da evacuación dos asentamentos xudeus de Gaza, do comezo do poder de Hamás na Faixa e do conflito interno entre palestinos de diferentes faccións.

Dende ese ano 2005, os acordos de paz e de unidade entre palestinos esvaécense con novos números de mortos e de guerras bautizadas con nomes de operacións de autodefensa que chegan ao límite de Intifada, de revolta, cando non son as liñas oficiais as que falan do asunto: ano 2006, preto de 700 mortos; ano 2007, 400 mortos; ano 2008, máis de 900 mortos; ano 2009 (Operación Chumbo Fundido), máis de mil mortos; ano 2010, preto de 100 mortos; ano 2011, máis de 100 mortos; ano 2012 (Operación Columna de Nube), preto de 200 mortos; ano 2013, máis de 100 mortos; ano 2014 (Operación Marxe Protectora), máis de 2000 mortos.

O aniversario dos acordos de Oslo celebrouse coa izada da bandeira palestina na ONU, unha imaxe máis para engadir aos pés de fotos xa preparados, nos que os titulares son o afastamento dos acordos de paz que poden levar a unha nova revolta xuvenil. Mais as revoltas nunca deixaron de existir; só a xuventude, criada na esperanza da liberdade concedida. Cansa de fotografías en xornais estranxeiros, de ameazas e de prohibicións; a xuventude, a dos nenos de Oslo, deixou de crecer neses acordos, que devagar foron facendo que se abandonasen ideas como as dos refuxiados ou dos límites entre cidades e as colonias, para pensar neles mesmos. E pensar neles fíxoos pensar nos outros coma eles, os outros palestinos, os do outro lado, que crecen ao seu xeito, illados, sen conexión con esa outra parte que tamén é Palestina, mais que é cada vez máis diferente. Por iso, porque a unidade rebelde dunha primeira e unha segunda Intifada formou bandadas de voluntarios contrarios á liberdade imposta non se pode agora falar dunha terceira Intifada, porque non hai tal unidade no archipélago de terra que é Palestina.