Mapas sen fronteiras

A guerra do Golfo Pérsico, vista a través dos ollos dunha rapaza de orixe palestina, é un trazado máis no mapa de conflitos que debuxa Randa Jarrar na novela Un mapa do lar. Unha novela chea de imaxes e historias que lembran o xeito de contar de Marjane Satrapi en Persépole ou a irreverencia de Mafalda e que a crítica chegou a comparar con Arundhati Roy e Mourid Barghouti.

Nidali nace en Estados Unidos e críase aí, en Kuwait e en Exipto, con Palestina sempre presente, tanto nas conversas como no seu xeito de vivir. Grazas ás historias que lle contan os pais viaxa a realidades alleas e momentos da historia que condicionan a súa vida: a ambición do pai por ter unha filla famosa e libre do sufrimento polo que el pasou como refuxiado e poeta frustrado contrasta coas ideas da nai, que busca a súa independencia na música e ambiciona unha familia feliz.

A familia, o lar, é o tema central de Un mapa do lar. Construír unha familia é o valor máis importante para un árabe e arredor dela asoman conflitos persoais que van en paralelo cos da cidade ou o país onde se vive. Amais, o paso da infancia á adolescencia provoca unha loita persoal que, sumada ás anteriores, fai que cada día sexa totalmente diferente ao outro. Así, como un diario de anécdotas, Nidali presenta Palestina e as palestinas.

A rapaza lembra como o seu pai lle puxo nome de neno, Nidal –loita-, e como tivo que cambialo ao decatarse de que non nacera o neno que el xa asumira que ía ser, senón unha nena, Nidali -a miña loita-. A presentación convida a unha serie de discusións entre os pais e tamén a varios momentos graciosos que se repiten ao longo da obra. Os pais de Nidali descóbrenlle a súa orixe, mais non afondan en temas que lle interesan a calquera nena que devagar vai crendo saber o que ignora.

A inocencia e a curiosidade propias de Nidali, así como o seu carácter combativo, lévana a problemas constantes co pai, que non sabe de todas as leas nas que se mete a filla; por exemplo, ignora os primeiros bicos co mozo en Kuwait e despois en Alexandría, a onde marcha toda a familia cando comeza a invasión iraquí, ou os usos que fai do bidé ou da bañeira como obxectos sexuais para masturbarse. Así mesmo, non sabe da carta que lle escribe a Saddam Hussein, onde confesa que odia a súa puta carraxe e, amais, que acaba de ter a regra.

A novela traza as fronteiras que moita xente palestina tivo que traspasar dende 1948 e repasa a vida deses expatriados a través dunha familia en concreto, mais que podería ser calquera outra. Todas as liñas debuxadas amosan a morriña polo lar: Palestina, que semella despedirse con cada desprazamento, mais que permanece, como o sangue dos mosquitos que queda nas paredes; manchas que semellan comas que non desaparecen cos anos e que enchen as páxinas en branco da historia; páxinas que engaden outra vantaxe ao feito de ser palestina e procurar o lar eternamente: a liberdade do apátrida, que leva a patria onde queira que vaia, na alma.