Versos fugaces cargados de presente

IMG_0352

IMG_0351

O 22 de xullo de 1946, Menajem Begin, primeiro ministro israelí entre 1977 e 1983, ordenou un ataque contra o hotel Rei David, en Xerusalén, no que morreron noventa e un civís. A organización paramilitar sionista Irgún, que daquela dirixía Begin, foi a causante dese masacre e doutros perpetrados dende 1937 contra obxectivos civís. Setenta anos despois deste ataque, as lembranzas semellan borrarse polo protagonismo das palabras do ministro de defensa israelí Lieberman, quen comparou os versos do poeta palestino Mahmud Darwix co Mein Kampf de Hitler.

Galatz, a radio militar israelí transmitiu un programa dedicado á figura de Darwix, o cal provocou a ira de quen só ve nos seus versos ataques contra os xudeus, como xa proclamara antes o primeiro ministro israelí, Yitzhak Shamir, en 1988. Daquela, Shamir lera no parlamento israelí uns versos de “Pasaxeiros entre palabras fugaces”, como mostra do odio palestino e da imposibilidade de entendemento entre ambas partes. Neses versos, o poeta pedía pasado, presente e futuro para a súa patria, pedía lembranza e esquecemento, e invitaba os pasaxeiros, os inmigrantes novos, a ler esas palabras fuxidías coas que cargaban os seus, os expulsados:

vós tendes espadas –e nós temos sangue

vós tendes aceiro e lume –e nós temos carne

vós tendes outro tanque -e nós temos pedras

vós tendes gases lacrimóxenos -e nós temos a choiva

e sobre nós e sobre vós está o ceo e o aire

Collede o voso anaco de sangue e marchade

 

Como símbolo de Palestina, Darwix soubo dar voz á causa do seu pobo, coa súa propia voz e coa dos silenciados. El mesmo, expulsado da súa terra, refuxiado e arrestado en varias ocasións, berrou con versos contra as inxustizas e pediu constantemente a legalización da súa existencia, como no poema “Carné de identidade”, no que esixe a un policía que vexa nel máis cá unha cifra:

 

Apunta!

Son árabe

e o meu número de identidade é o cincuenta mil

e os meus nenos son oito

e o noveno… chega despois do verán!

Seica iso che molesta?

 

Apunta!

Son árabe

e traballo con colegas nunha canteira

e os meus nenos son oito

Arríncolles o codelo de pan,

a roupa e os cadernos

das rochas..

E non mendigo esmolas á túa porta

nin me rebaixo

na túa soleira

Seica iso che molesta?

 

Apunta!

Son árabe

son un nome sen alcume

son paciente nun país onde todo

vive coa erupción da ira

As miñas raíces

antes do comezo do tempo afundíronse

e antes do florecemento das eras

e antes dos cipreses e as oliveiras

… e antes de brotar a herba

Meu pai… é da familia do arado

non de nobres señores

e o meu avó era labrego

sen título.. nin liñaxe!

Ensinoume a grandeza da alma antes da lectura dos libros

E a miña casa, é unha cabana con gardas

de paus e xuncos

Seica satisfaiche a miña condición?

Son un nome sen alcume!

 

Apunta!

Son árabe

e a cor do meu pelo é carbón

e a cor dos meus ollos é castaña

e as miñas faccións:

na cabeza un diadema sobre a kufieh

e a palma da miña man é dura como unha rocha…

que pincha a quen a toca

E o meu enderezo:

son dunha aldea abandonada   esquecida

con rúas sen nomes

e todos os homes nos campos e na canteira

Seica iso che molesta?

 

Apunta

Son árabe

Roubaches os viñedos dos meus avós

e a terra que labraba

eu con todos os meus fillos

e non nos deixaches.. e a todos os meus netos

nada máis que estas rochas..

Seica levaraas

o teu goberno… como se di!?

Daquela!

Apunta… na cabeza da primeira páxina

que non odio a xente

e non roubo a ninguén

Pero eu… se teño fame

comerei a carne do meu usurpador

Coidado… coidado… coa miña fame

e coa miña ira!

 

Darwix, do que se cumpren oito anos da morte en agosto, foi quen de facer que se oíse Palestina en versos e de humanizar con palabras o que as armas conseguiron destruír, de sacar a fermosura do inimigo e de loitar polo entendemento, porque, como el mesmo dixo: “a poesía e a beleza son sempre pacíficas. Cando topas algo fermoso, topas a coexistencia […], humanizas o outro”.

http://diariodepalestina.prazapublica.com/post/147864785590/versos-fugaces-cargados-de-presente

IMG_0173