Nagorno Karabaj: 25 anos de independencia (Tempos Novos, xuño de 2016)

0627.Policía de StepanakertNagorno Karabaj. 25 anos de independencia. 60, 06.16Nagorno Karabaj. 25 anos de independencia. 61, 06.16Nagorno Karabaj. 25 anos de independencia. 62, 06.16Nagorno Karabaj. 25 anos de independencia. 63, 06.16

A República de Nagorno Karabaj, cuxo nome combina turco e persa (kara: xardín, baj: negro), con ruso (nagorno: montaña), é incluso descoñecida no propio lugar, onde se coñece como Artsaj, o nome orixinario en armenio. Esta república inexistente nos mapas, é un arcano atrapado entre Armenia e Acerbaixán, nun territorio montuoso independente e invisible máis alá das súas cordilleiras.

Nagorno Karabaj é un montañoso xardín negro, recoñecido internacionalmente como parte de Acerbaixán, mais dirixido polo seu propio goberno, só aceptado por outros estados que manteñen ese mesmo estatus: Abkhasia, Osetia do Sur e Transnistria. Malia estar dentro de territorio acerbaixano, Armenia controla a única fronteira accesible, amais de brindarlle apoio financeiro e militar dende a guerra que houbo de 1988 até 1994, unha guerra na que as bombas sementadas no terreo e nas xentes afloran de cando en vez.

O cesamento do fogo de 1994 non foi mais ca unha continuación da situación de inestabilidade anterior. Armenia e Acerbaixán se disputaron o territorio, maiormente ocupado por armenios, tras a revolución rusa de 1917. Cando en 1920 os bolxeviques conseguiron facerse co poder en Armenia, prometeron entregarlles o territorio de Nagorno Karabaj. Pero prometéronlle o mesmo a Acerbaixán, para así contentar os turcos. Así e todo, o nacemento da URSS permitiu esquecer o conflito até a disolución do bloque socialista, no que rexurdiu o problema.

En 1988 os armenios da capital artsakha, Stepanakert, manifestáronse a favor da unificación con Armenia e tres anos máis tardes declararon a independencia. Namentres, acerbaixanos e armenios libraron unha guerra na que morreron máis de 30.000 persoas e outros milleiros perderon os seus fogares.

A existencia desta república segue silenciada de igual xeito que o conflito, unha batalla satélite mais, só recoñecida de cando en vez, nomeadamente cando a atención se desvía a Rusia e á situación de seguridade na zona postsoviética. Con todo, o interese ruso por manter as relacións coas repúblicas da unión e o de Europa por estabilizar unhas fronteiras que poida controlar non son os únicos implicados no silencio da república montañosa. Israel, preocupada polos movementos de calquera país inimigo, ten en Acerbaixán un aliado perfecto: mentres vixía Irán, vende petróleo e merca armamento ao estado xudeu.

Acerbaixán é un socio estratéxico para Israel. Agora que as relacións con Turquía están deterioradas, a amizade con Acerbaixán permite controlar Irán á vez que se trazan lazos invisibles cos turcos. E é que os azarís consideran Turquía un aliado, que non ten relacións diplomáticas con Armenia, de igual xeito que os azarís son vistos como aliados por Israel, que non recoñece o xenocidio armenio, unha estratexia para manter as boas relacións cos ambos países: Turquía e, sobre todo, Acerbaixán. É por iso que Israel non ten interese en que o conflito de Nagorno Karabaj remate, pois iso podería provocar que perdese a súa influencia na zona.

Paralizado de cara ao exterior, dende dentro o conflito non deixa de ser un conxunto de mechas sempre a punto de prender. Con todo, a tensión está focalizada no extremo máis oriental, nos lindes con Acerbaixán. E isto é así porque aínda que este país rodea todo o territorio, a única entrada a Nagorno Karabakh, por terra, é a través dun corredor apátrida baixo o control de Armenia.

As montañas son a fronteira natural e unha estrada serpeante que a une a Ereván, a capital armenia, nun traxecto que pode levar preto de medio día, a vía de acceso. A saída de Ereván é unha despedida ao cemento e ao formigón, e unha benvida a un peregrinar entre montes que rematan nun val, Goris, a última aldea antes do corredor de Laçin. Esta pequena estrada azarí ocupada por Armenia permite chegar, de xeito presuntamente ilegal, ao posto fronteirizo de Nagorno.

Un regueiro serve como sinal para marcar o comezo da república. Por enriba: as bandeiras de Armenia e da República Montañosa de Karabakh, e un cartaz informativo que dá diversos datos sobre o país: ten dez cidades e 217 núcleos rurais, cunha superficie algo inferior á da provincia de Pontevedra (segundo a constitución do país e o acordo de paz con Acerbaixán, que mantén varias rexións ocupadas) e unha poboación que non chega aos 150.000 habitantes. O presidente, elixido cada cinco anos, decide o primeiro ministro e aproba a composición do goberno, que conta con once ministerios. A relixión maioritaria é a apostólica armenia, que chegou á zona no século I. O clima é suave e destaca polas súas augas minerais, que teñen propiedades sandables.

Tras a breve introdución, un sinal indica a seguinte parada: unha caseta onde amosar o pasaporte e no que solicitar a entrada ao país. A mesma estrada que atravesa Armenia e o limbo que a separa de Nagorno, percorre as montañas da república montañosa ata a capital, Stepanakert. A cidade concéntrase nunha praza central con luces de tres cores e rapazas que pasean engalanadas en zapatos de tacón de agullas longuísimas fronte ás miradas de rapaces que semellan repetir os mesmos xogos todos os días.

Amais de centro xeográfico, a praza do Renacemento é o eixo administrativo do país, onde están o palacio presidencial, o parlamento e as oficinas do goberno, amais de varios ministerios, a asociación de veteranos de guerra, o teatro e a oficina central do banco estatal. Dende esa rúa nuclear saen outras catro, onde se sitúan o resto da historia do país: a universidade estatal, e diferentes museos e igrexas que conectan coas outras aldeas e outeiros, como o de Tatik u Papik, unha estatua dun vello de barbas e unha muller cun veo. «Somos as nosas montañas» é o nome deste símbolo do país, que representa un pai e unha nai unidos á terra e ás montañas.

A unión do pobo á súa terra está representada nas imaxes, mais tamén na propia xente. Orgullosos do seu, manteñen o dialecto dentro do territorio e exportan a través do selo de Armenia produtos propios, maiormente coñac, sen necesidade de emigrar, pois están establecidos e non son nómades, como os pobos veciños. Esta marca de identidade, amais da súa fe cristiá, que foi a que provocou os primeiros enfrontamentos cos veciños de fe musulmá, diferenza a xente de Nagorno Karabakh do resto de caucásicos.

O silencio de artillería non é común nesta zona, mais a preocupación internacional está desviada cara á protección das fronteiras europeas ou cara a Siria e o Estado Islámico, por mor das persoas que tratan de fuxir de aí para entrar en Europa. A falta de recoñecemento do enclave de Artsakh e das guerras libradas no seu territorio durante séculos, fan do conflito unha batalla calada na que segue a haber vítimas á vez que continúan as súas vidas os seus habitantes. Tras vinte e cinco anos de independencia unilateral, Nagorno Karabakh permanece illada do mundo, entre limbos de asfalto que a conectan á terra e infernos de balas que a separan dela.

034.Stepanakert