Liberdade e dignidade

Liberdade e dignidade

O 17 de abril, máis de 1500 presos políticos palestinos comezaron unha folga de fame como protesta contra o trato que reciben nos cárceres israelís. Piden que se lles permita recibir visitas familiares, que teñan coidados médicos axeitados e que se poña fin á detención administrativa e mais do uso de celas de illamento.

Xa en 1968 os palestinos comezaron as folgas de fame como medidas de protesta contra o trato nos cárceres israelís e dende 1990 sumáronse as protestas dos presos detidos de forma arbitraria, os encarcerados baixo detención administrativa. Nos últimos anos creceron este tipo de folgas, que en 2012 chegou a sumar 2000 persoas e que conseguiu rematar, de forma temporal, con ditas detencións administrativas. Amais, houbo outros casos de protestas individuais, como a de Khader Adnan, que estivo dez veces en prisión por detención administrativa e que en 2012 estivo 66 días en folga de fame.

Para Khader Adnan “as folgas de fame representan liberdade para os prisioneiros palestinos. É unha man palestina que erguemos contra o ocupante, que tratamos de silenciar. Podemos vencer con poucas cousas e estómagos baleiros. E hai tamén unha mensaxe para a comunidade internacional e as persoas libres de todo o mundo: os palestinos procuramos liberdade.”

Esta folga de fame lidéraa o líder da resistencia palestina Marwan Barghouti, que cumpre cinco cadeas perpetuas en prisión pola súa implicación durante a Segunda Intifada. El mesmo négase a recibir atención médica, malia estar enfermo, e o único que acepta, como o resto, é auga e sal; nunha folga que manterán mentres non se cumpra a súa principal demanda: dignidade.