Don Pepe

<a href=”http://<a href=”http://“>”>

https://www.indiegogo.com/projects/don-pepe#/

 

A novela navega no mundo da emigración, onde os soños chegan a mesturarse co devecer pola vida dunha lingua e dunha cultura propia, a galega. Nesa viaxe morriñenta atópanse contos dentro dos contos, narracións que entrelazan ficción e realidade, e mundos que conviven. Don Pepe merece lecturas a cachos ou dun tirón, porque combina estilos nas súas páxinas e porque xoga coas palabras como quen viaxa con elas. É, en definitiva, un álbum de imaxes feitas con palabras que convida a navegalas.

Que?

Don Pepe é unha obra pendurada no aire, referente puro diso que veñen a chamar a narración abismada, onde cada conto garda un novo no seu interior; de xeito que a estructura flúe sinuosa coma un río de camiño ao seu fin, que non e outro que o mar…

Unha novela que, ademais, foi finalista no Certame de Novela Do Peirao.

Pepe, mexicano por máis de sesenta anos, era un lector voraz de poesía galega. Atopábaa pueril, ignorante, aburrida e, por riba de todo, artificial. Con todo, non era quen de se deitar sen recitar algún verso deses poemas que non xulgaba separados dos seus poetas: xente nova de mans grandes e pel ennegrecida, mulleres abandonadas polas ocupacións dos maridos e a miseria da terra, nenos de escola, libre pensadores fracasados, ou pervertidos con sorte. Estaba seguro de que endexamais serían bos escritores e negábase a envexalos, malia lelos e estudalos dun xeito enfermizo.

Esta é a trama da novela, na que o seu personaxe principal, Pepiño, describe as lembranzas da súa Boborás natal, e a súa querenza pola súa lingua e a súa cultura, que levan a que queira ser escritor e novelar, versar e contar.

Quen?

Do Peirao é unha editorial con vontade de cambio, de dar a alternativa a autores que non a atopan noutro lugar, con novas e refrescantes ideas como é o empregar unha campaña preventa para valorar a aceptación e viabilidade de cada título.

Deste xeito es ti, agora que te estás expondo como colaborar, o que decide se a obra que che presentamos verá a luz pasando a formar parte do noso catálogo… porque consideramos ao lector parte fundamental do proceso.

Hoxe presentámosche a Moncho Iglesias Míguez.

Nacido en 1974 en Vigo malia ser de Boborás, viviu en Irlanda, México, India, Palestina e China, onde exerceu como mestre e mantivo viva a súa creación literaria. Neses camiños escribiu ensaios como Os contos de animais na tradición oral palestina; poemarios como pedras de Plastilina, novelas como Tres cores: azul e traduciu tamén, entre outros a Mahmud Darwix, dende o árabe, a Etgar Keret, dende o hebreo, e a Randa Jarrar dende o inglés. Amais, colabora en Praza pública, Tempos Novos e Dorna, e na actualidade vive en Bangladesh dende onde fixo os seus últimos traballos literarios: a tradución dos poemas de Martín Códax ao hebreo e ao árabe.

Por que?

Por aquí un fragmento do texto como mostra:

«Pouco se sabe da súa adolescencia. Os poucos datos fiables que aínda se conservan apuntan que foi un neno espelido e controvertido, amante dos animais tallados, e con espírito viaxeiro. Foi quizais esa fame de aventuras a que provocou que perdese o brazo esquerdo e que á vez alimentase a obsesión, que máis tarde se faría evidente, polos champiñóns e froitos do bosque.
Como no caso de calquera outro artista, a raíz das exposicións, de renome mundial, comezaron a estenderse biografías e datos persoais que moitas das veces non casan entre si. No caso da perda do brazo, hai dúas historias que repiten diversos historiadores refutados e que, polo tanto, cómpre ter en conta»

Como?

Para arrincar o proxecto fixámonos como obxectivo 840€; esta é a cantidade que recadariamos se ao redor de cincuenta mecenas se fixesen, cada cal, cun exemplar desta primeira edición.

  • Tendo acceso ás galeradas de edición.
  • Recibindo un exemplar semanas antes da saída ao mercado da obra.
  • Aínda que, tamén poderías ver o teu nome nos agradecementos achegando un pouco máis.

Os fondos recadados utilizaranse como axuda para sacar adiante esta primeira edición de Don Pepe, que sairía despois á venda.

Ademais…

Sabemos que son tempos difíciles, tamén nós os sufrimos, e é posible que non esteas en disposición de apoiarnos co teu mecenado nestes momentos… pero agardamos que se isto te chegou á alma, mesmo se talvez coñeces en persoa ao autor, trates de difundir esta campaña (facebook, twitter, blogger, boca-orella… ) para que academos a nosa meta e Moncho Iglesias vexa publicada a súa obra.

Grazas polo voso tempo.