Xerusalén, capital de Palestina

O recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel por parte de Donald Trump rompe coas esperanzas que aínda se mantiñan de chegar a unha solución pacífica na zona, con dous estados mutuamente recoñecidos. A súa decisión non só repercute na isrealización de Xerusalén, senón tamén no seu continuo espallamento grazas a colonias illadas e ciscadas por Cisxordania, que, nalgúns casos, como o de Maale Adumin, abrazan os barrios periféricos da cidade, como xa antes o fixeran as veciñanzas de Pisgat Zeev ou Gilo, hoxe totalmente integradas na Xerusalén xudía.

O presidente estadounidense confirma así as súas promesas de cambio, como afirmou antes de ser electo: “Cando sexa presidente, o trato a Israel como cidadán de segunda clase ha rematar dende o primeiro día”. Así mesmo, chamou ao presidente Barack Obama “a peor cousa que lle puido pasar a Israel” e ao primeiro ministro israelí, Bibi Netaniahu, un vello coñecido co que traballaría man con man para levar a paz á zona, recoñecendo entón que trasladaría a embaixada estadounidense “á capital eterna do pobo xudeu, Xerusalén”.

O recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel proba a alianza necesaria entre Israel e Estados Unidos coas forzas do poder que serven para manter ambos gobernos actuais. Por unha banda, xa en 1983, o Fondo Nacional Xudeu concedeu a Trump o premio Árbore da Vida pola súa implicación e dedicación co pobo xudeu, un aliado no seu terreo; pola outra, Netaniahu precisa o apoio deses xudeus que viven fóra de Israel, pois representan a metade da poboación, e coas súa doazóns mais as dos grupos cristiáns sionistas foi posible construír cidades enteiras e facer bosques no deserto.

As dúas beiras precisan votos do sionismo non ultraortodoxo, pois foi precisamente ese o que nos últimos meses máis se enfrontou ao goberno de Netaniahu polos seus plans de crear unha sociedade máis laica e máis aberta ao pensamento relixioso do xudaísmo liberal americano. Por iso, o discurso de Trump sobre a capitalidade de Xerusalén semella redactado en Israel, para satisfacer as necesidades das dúas partes: para construír unha sociedade laica que perde poboación no territorio, mais que a precisa como aliada, e para manter contenta a esa poboación xudía americana que apoia a Israel mais que vive fóra. E Xerusalén é o único que pode unir a todas as faccións.

O status de Xerusalén, al-Quds, é un dos piares fundamentais dos acordos de Oslo de 1993, nos que Palestina tampouco renunciou á creación dun estado nin ao regreso dos refuxiados. O primeiro semellaba o único con posibilidades reais de cumprirse, aínda que fose nunha cidade dividida; con todo, o apoio de Trump a unha cidade só xudía apunta ao contrario. E é que Xerusalén é o núcleo central do conflito, xa que é o bastión principal para o nacionalismo palestino e sionista, cunha presenza relixiosa que reclaman cristiáns, musulmáns e xudeus, e que adoita mesturarse, e así, moitas das veces a fe é política e viceversa.

Os líderes sionistas apuráronse a congratular a Trump pola súa decisión, á vez que a condenaron os palestinos, que chegaron a pedir unha nova intifada. Do lado israelí xustifícanse entendendo que Xerusalén é a eterna capital do estado xudeu, como afirman as Escrituras Sagradas; porén, esquecen os mil anos de mandato otomán que rematou en 1917 coa promesa británica de construír unha patria xudía en Palestina. É a cultura e o xeito de vivir dese último milenio o que herdou a actual al-Quds, unha cidade que na partición de 1947 quedou baixo unha tutela internacional que só permitiu a repartición da cidade entre israelís e palestinos unha vez se puxese fin ao conflito. Deste xeito, a decisión de Trump súmase ás ilegalidades israelís de anexión de territorio e ao aumento das tensións.

Xerusalén volve unificar a palestinos por un lado e a sionistas polo outro. As decisións xa asinadas poden volver facer da cidade un campo de batalla, nun conflito ramificado por todo o territorio e trazado dende fóra. O laicismo sionista pretende gañar a loita cun xesto inofensivo como é a sinatura dunha decisión que servirá de escusa para radicalizar as posicións, e así, esa radicalización de posturas servirá despois para escudarse na idea de protexer e defender un territorio sempre vendido a escritos doutros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *