Alaa, refuxiado iemení

Alaa Abdulkader Saleh ten 30 anos e é de Sanaa, Iemen. De alí pasou ao sur do país, a Adén, a cidade orixinaria da familia, onde sufriu as consecuencias da guerra e das imposicións do norte sobre o sur. Foi por mor desas diferenzas que o sur demandou separarse do norte e volver ser un país independente rexido por unhas leis máis achegadas ao seu pasado máis próximo: con total liberdade de pensamento. Nese sur do Imen, Alaa estudou Informática e comezou a soñar con traballos relacionados cos seus estudos, como cando abriu un café; con todo, a guerra provocou que tivese que fuxir.

A primeira vez que sentiu a presenza da guerra foi cando os houthis do norte entraron en Adén e comezaron a disparar. Entón pensou que debía facer algo, mais a única solución que topou foi máis violencia por parte dos grupos de resistencia e decidiu saír de alí coa familia. Foron onda unha tía que vivía nunha zona tranquila, Kalua, mais aos quince días os houthis ocuparon esa área tamén, polo que marcharon cara ao porto da cidade, a Taoahi, onde agardaron seis días por un barco que os sacase do país. Non houbo elección; o único sitio onde podían entrar era Yibuti.

Quedaron catro días no peirao de Yibuti capital: como prisioneiros encerrados nun cárcere ao aire libre, entre barrotes de mar e area. Despois diso mandáronos ao medio do deserto, a Obock. Alí, Alaa mais unha irmá e un irmán enfermaron, con febres altas que os achegaron á morte. Entón decidiron volver á capital, a Yibuti, para conseguir medicación e volver ao campo de refuxiados de Markazi, en Obock. Con todo, a familia regresa con frecuencia á capital do pais, pois un dos irmáns non foi quen de superar as feridas psicolóxicas da guerra, e de toda a situación que segue a vivir, e tratou de suicidarse varias veces.

Malia a situación actual, nun deserto onde as temperaturas superan os 50ºC en xullo, Alaa resiste cun sorriso esperanzador. Non deixa de facer exercicio para estar en boa forma física e manter a mente ocupada. Di que ten moito tempo libre e necesita ocupalo e pensar que hai futuro, como escribe coas súas propias palabras:

“Se perdiches o lugar onde sementaches, a choiva amosarache onde está a semente. Por iso, sementa paz onde queira que esteas baixo o ceo, pois non sabes onde nin cando has colleitar. Planta paz aínda que non sexa no lugar exacto porque nunca o perderás. Repartir alegría é unha marabilla e talvez recollas parte desa ledicia nesta ou na seguinte vida. Non lle roubes a felicidade a ninguén nin lle rompas o corazón, pois a vida é demasiado curta como para facer cousas así. Os bos actos permanecen mesmo se marcha quen os fai”.

Alaa non quere seguir no campo de refuxiados máis tempo. Continúa a pensar no futuro e a soñalo, mais cada vez ve máis afastados os seus soños e máis próxima unha dura realidade, que semella oculta para o mundo e só visible para eles. Por iso trata de visualizar o que é a vida no verán dun refuxiado, un desprazado iemení neste de 2017, no medio dun deserto onde o sol só desaparece cando hai tormentas de area.

Miral Ayyad canta a Palestina

Miral Ayyad, foto posta de sol

No mundo árabe, son varios os concursos de televisión que son quen de unir toda unha casa fronte á televisión. En Palestina estes programas tamén son un éxito, sobre todo despois de que Mohammad Assaf, de Gaza, gañase a edición de Arab Idol en 2013. Mais o éxito do cantante non é algo illado e descoñecido en Palestina, onde a música, da man da poesía, é habitual para expresar amor e guerra, paz e desamor.

Entre as últimas voces poéticas saídas de Palestina está a de Miral Ayyad, que gañou o concurso ao mellor talento convocado pola axencia palestina Ma’an. Miral ten doce anos e vive en Abu Dis, en Xerusalén Oriental, e coa súa versión dos feitos diarios no seu país, trata de dar vida ás crianzas palestinas dunha beira e máis da outra.

Amais de cantar, gravou un vídeo coa canción «Teño unhas cousiñas que dicir», na que saen imaxes que reflicten o que conta coas súas palabras: Cisxordania e Gaza son partes de Palestina e o mundo semella ignorar a súa existencia, e o feito de que entre a súa xente tamén soe a música, non só o son de bombas e lamentos.

Conta que, mentres gravaban en Belén algún turista achegóuselle e admirou o seu talento. Algo que a anima a seguir cantando e que permite a Palestina seguir amosándose ao mundo e que este vexa que outras cousas hai alí.

 

Pantallas de Xinzo de Limia

 

 

En Xinzo de Limia celébrase o Entroido máis sobranceiro do triángulo ourensán (Laza, Verín e o propio Xinzo). Aquí, o personaxe principal é a pantalla, encargada de establecer a orde durante o Entroido; é dicir: comprobar que toda a xente está disfrazada e quen non o estea, que pague unha rolda de viños.

As pantallas percorren as rúas de Xinzo batendo unhas vexigas de vaca contra outras e facendo soar unhas campás que levan á cintura, correndo e saltando mentres berran. O nome vén da careta sorrinte, feita de cartón e da que sae, pola parte de atrás, un corno decorado con motivos astrais ou de animais. Amais, visten un calzón longo e unha camisa branca, unhas polainas negras e unha faixa encarnada; do lombo cáelles unha capa encarnada ou negra con cintas de cores e no pescozo un pano.

Segundo a tradición, as pantallas só saen de día e non poden quitarse a máscara. Saen por primeira vez o domingo Corredoiro, aínda que a festa xa comeza o domingo Fareleiro e logo o domingo Oleiro. No primeiro domingo hai unha batalla de fariña e no seguinte lánzanse olas de barro. O martes saen os desfiles e despois, o mércores de cinza celébrase o enterro da sardiña, terminando o ciclo o domingo de piñata.

http://www.youtube.com/watch?v=4Lts3xq6AtE&feature=youtu.be

 

 

 

 

 

 

 

As formigas de Laza

 

Laza, unha parroquia de menos de 1000 habitantes, no Sueste ourensán, convértese, co Entroido, nunha das capitais da festa, que comeza co ano e remata coa Coresma. Contan que o Entroido de Laza é un dos máis antigos e o de máis duración; amais dun evento cheo de orixinalidade e diversión.

 

O ciclo do Entroido comeza o primeiro de ano, cando os mozos saen á rúa facendo soar os chocos, adestrando para a súa estrea como peliqueiros e anunciando a proximidade da festa. Dende ese día xa se ven máscaras e maragatos petando nas portas dos veciños, e os venres saen os folións, alumeando co seu lume as rúas da aldea até o chegar o día do gran folión. Esa noite a aldea queda prendida pola luz dos fachos, que tratan de purificar as terras e afastar así os malos espíritos.

 

A tarde do sábado de Entroido a xente xúntase no centro do lugar, a Picota, para botárense fariña uns a outros. A xolda continúa até a mañá, na que saen por primeira vez os peliqueiros, cuns traxes compostos de chocos e caretas de orixe celta ou prehistórica. Estes, os peliqueiros, son os protagonistas do Entroido de Laza. Amais do traxe, composto de zapatos negros, medias, pantalón curto, faixa, cinto, tirantes, camisa, gravata e chaqueta, levan unha careta, feita de madeira, e unha mitra, da que lles sae unha pelica (de aí o nome), e unha zamarra, coa que zorregan as quen se lles cruza. Xa pola tarde saen as carrozas, que son carros adornados con verzas e xestas, representando algún feito dun xeito burlesco.

 

Un dos días máis grandes da festa de Laza é o luns. Pola mañá hai unha batalla de farrapos enchoupados en barro e, talvez seguindo a orixe da tradición, na abundante bosta que antes do asfalto enchía a aldea. Xa de tarde, a Picota vólvese encher na espera das formigas e da Morena dende a cima da vila.

 

A Morena é un mozo tapado cunha manta e coa cabeza dunha vaca feita de madeira. Entra na Picota tratando de levantarlle a saia ás mulleres, mentres a comitiva que a acompaña bate con toxos na xente. Amais destes, outros levan sacos con formigas vivas que botan á xente, e tras deles entra a máquina limpadora que enche de fariña o lugar, e paséase unha formiga xigante entre o xentío. Con toda a praza tinguida de fariña, entra un último carro, repartindo cachuchas e acompañando a música.

 

O martes de Entroido é o máis familiar. Saen á rúa os peliqueiros máis vellos e á tardiña lese o testamento. O testamenteiro narra os acontecementos máis sobranceiros do lugar dende o ano anterior e fai un repaso burlesco a temas políticos e sociais, nun discurso no que reparte as partes do burro entre os nomeados no seu testamento.

 

-Vídeos do Entroido de Laza:

http://www.youtube.com/watch?v=ESZGeL-cWgc

http://www.youtube.com/watch?v=P6t9WnmQX-U

http://www.youtube.com/watch?v=MT033QeWUoo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Boteiros de Viana do Bolo

 

Viana do Bolo está nos límites de Galicia; un lugar rodeado de montes que agochan ríos e onde o Entroido comeza a prepararse co remate do Nadal. Daquela prepáranse os disfraces e carrozas, e as fins de semana os veciños pasean as aldeas tocando o fulión, avisando que o Entroido está a chegar.

 

Dous xoves antes do domingo de Entroido festéxase o Xoves de compadres. Un día antes, as mozas perseguen os mozos para roubarlles unha prenda e colocarlla a un boneco, o Lardeiro, que se pendura na Praza Maior. O mércores da semana seguinte, son os mozos quen rouban unha prenda ás mozas para colocarlla a unha boneca, a Lardeira. Esa noite, as mulleres saen disfrazadas e organizan unha cea.

 

O día grande do Entroido vianés é o Domingo, no que se degusta a androlla, un embutido feito de tripa gorda afumada, e chea de costela de porco, carne, sal, pemento doce e picante, e allo. As rúas énchense de carrozas e fulións, que poñen música ao lugar cos seus enormes bombos, sachos, gadañas e outros apeiros de labranza, amais dunha mula e un maragato, e as máscaras típicas: o boteiro.

 

O traxe do boteiro ten máis de mil metros de cintas de cores e destaca xunto coa máscara, de varios quilos e de até un metro de longa, tallada en madeira e cun sorriso burlón. Enriba da máscara, unha pantalla de metal cuberta de cintas de cores remata o disfraz. Así vestidos, os boteiros pasean as rúas da vila, abríndose paso cunha monca, unha vara rematada nunha borla e que  axuda a brincar.

Vídeos de boteiros e fulións:

http://www.youtube.com/watch?v=VwOf7vyQ_04&feature=youtu.be

http://www.youtube.com/watch?v=CiMmENPd2Zg&feature=youtu.be

http://www.youtube.com/watch?v=UhFoR8y27Qs&feature=youtu.be